Demandan a retirada de 145 símbolos franquistas na Coruña

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) publica un manifesto no que pide a retirada de 145 símbolos franquistas da cidade da Coruña e máis da Deputación provincial. 
2021021918222357130
photo_camera Imaxe de arquivo dun acto contra o franquismo xunto á Casa Cornide da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) difundiu esta segunda feira un manifesto no que pide a retirada dun total de 145 símbolos franquistas, ademais de rúas e distincións honoríficas, que dependen tanto do Concello como da Deputación da Coruña.

Así no manifesto lístanse un total de 108 destes símbolos no municipio coruñés e, máis dunha trintena, en total 37 símbolos dependentes da Deputación.

O texto, titulado Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista no Concello da Coruña e na Deputación, o manifesto está asinado por arredor dunha corentena de asociacións e entidades memorialísticas e por un total de 70 historiadoras, escritoras e persoas do mundo da cultura de toda Galiza.

Entre as persoas asinantes atópanse os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro, a parlamentaria Mercedes Queixas, ou o historiador e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, xunto a moitos outros.

O manifesto sinala os "incumprimentos" na Coruña da lei de memoria histórica aprobada en 2007, así como de varias declaracións do Parlamento e de acordos da Deputación da Coruña.

O documento tamén incide en que “xa é hora” de eliminar as rúas e distincións dedicadas a persoas "representantes ou partidarias" da ditadura, entre elas ministros, alcaldes, presidentes de deputacións, gobernadores civís e demais altos cargos.

"Manter hoxe esas distincións honoríficas, as rúas e a simboloxía franquista, sería unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía, e especialmente ás familias das persoas represaliadas, que non pode permitir unha sociedade democrática", conclúe o texto.

Ademais, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica solicitou unha entrevista coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para entregarlles o manifesto e os apoios recibidos.

Así mesmo, a comisión quere coñecer os plans que teñen ambas as institucións para eliminar todos estes elementos franquistas” máis de 13 anos despois da aprobación da Lei de memoria histórica”.

Comentarios