Moción do BNG

Deixará Fraga de ser "fillo adoptivo" de Ferrol?

O BNG presentará no próximo pleno municipal de Ferrol, que decorrerá a próxima quinta feira, día 25, unha moción na que pide a retirada das distincións e títulos a Manuel Fraga.

Concello de Ferrol
photo_camera Concello de Ferrol

O ex presidente da Xunta e ex ministro do franquismo, Manuel Fraga, conta con distincións e títulos en Ferrol como os de “Fillo adoptivo”, que foi outorgado en plena ditadura e represión, en marzo de 1965.

O BNG quere acabar cos honores outorgados a Fraga durante o franquismo. De aí que anunciase unha moción para o próximo pleno na que insta a Corporación municipal a retirarlle todos os títulos.

O portavoz nacionalista en Ferrol, Iván Rivas, lembra ao respecto que a Lei da Memoria Histórica, no seu artigo nº15, estabelece que as administracións públicas, dentro do exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura.

En Ferrol aínda persisten pegadas que lembran a ditadura franquista e privilexios como a propiedade da tumba de Catabois que, pese a mocións aprobadas en pleno, continúan sen ser eliminados.

“É hora de librarnos completamente dos retazos que o franquismo e o seu réxime aínda manteñen na nosa cidade, de rematar cos silencios cómplices, e pola dignidade de deixar de loar por omisión unha ditadura fascista que provocou milleiros de mortos froito da represión cruenta que practicou”, apunta o portavoz nacionalista nun comunicado de imprensa.

Comentarios