40 ANOS DESPOIS: 1975-2015

Decrétase desterro: Francisco Rodríguez polos camiños de Bóveda

Setembro de 1975. Galiza de novo a percorrer os camiños que andou Bóveda en 1934. Francisco Rodríguez, expulsado do seu posto de traballo no Instituto de Cangas pola súa participación nunha folga en solidariedade cos profesores non numerarios, é desterrado a Andalucía, tomando finalmente destino como ensinante no Instituto de Puerto Real en Cádiz.

Francisco Rodríguez, profesor nos anos 70
photo_camera Francisco Rodríguez, profesor nos anos 70


Argumentaban as autoridades gobernativas no seu expediente disciplinario, que o extraordinario desta decisión se debía a que Rodríguez era reincidente dado que xa fora sancionado na súa etapa como profesor en Ourense. Naquela ocasión, falamos de 1973, fora suspendido durante vinte días de emprego e soldo por apoiar o seu alumnado, inxustamente acusado de danar o mobiliario do centro, indicándolles que se eran inocentes non debían pagar a multa que lle impuxera a dirección. O propio instrutor do expediente, o Inspector Bustamante, recoñecía no mesmo que a responsabilidade do sucedido era do Director, se ben Rodríguez debía ser sancionado porque operaba como unha sorte de líder para os rapaces, amosando “ardores separatistas” e posuíndo “un acento impropio dun profesor de lingua castelá”. As verdadeiras razóns que explican estes dúas sancións están ligadas ao compromiso nacionalista de Rodríguez, na altura dirixente da UPG, cunha longa traxectoria de oposición ao franquismo que xa o fixera pasar pola cadea en 1972 como consecuencia das folgas obreiras de Ferrol e autor, a pesar da súa mocidade, de importantes achegas para o estudo e coñecemento da realidade do país.

Para o inspector Bustamente, Rodríguez debía ser sancionado porque operaba como unha sorte de líder para os rapaces, amosando “ardores separatistas” e posuíndo “un acento impropio dun profesor de lingua castelá”

Decrétase desterro. A decisión de que Francisco Rodríguez tiña que ser expulsado de Galiza tómase ao pouco tempo da súa volta, após un curso en Albacete, por volta de 1971. Así pois, os expedientes abertos, primeiro na época de Ourense e despois na de Cangas non son máis que coartadas coas que xustificar unha decisión adoptada na perspectiva de dificultar o avance da alternativa nacionalista. O propio Bustamante, no expediente que lle instrúe en 1973, indica que non era intelixente nese momento botar Rodríguez de Galiza, posto que estaba opositando a cátedras e que ía gañar, o que lle permitía unha vez obtida solicitar de novo destino, polo que aconsellaba adiar para máis adiante esta medida. A documentación que xustificou esta decisión non deixa dúbidas do carácter político da mesma, a comezar polas comunicacións ao xefe da inspección educativa de Galiza, o Sr Piñeiro Permui, co tempo conselleiro de Educación de Manuel Fraga, a seguir polos informes do goberno civil, documentos detallados e precisos da militancia de Rodríguez, e a rematar con algunha recomendación de Bustamante, como trasladar o expedientado a Vigudino (Salamanca) para calmar as súas ansias independentistas. Ao fin, unha resolución gobernativa que responde a lóxica de privar os movementos políticos e sociais dos seus cadros máis cualificados para limitar a súa eficacia, pero tamén de asentar o medo nas súas propias filas e nas contornas máis próximas escarnecendo os seus militantes máis recoñecidos.

Ordénase parar. A razón e a vontade de Francisco Rodríguez de traballar na Galiza era un risco que o franquismo non podía correr. A nación rompe augas cando empezamos a saber dos nosos clásicos, aquel traballo en Grial sobre Rosalía con 25 anos, A evolución ideolóxica de Curros Enríquez en 1972, a descuberta e divulgación de Castelao, aí está aquela súa primeira charla sobre o tema en Monforte que rematou coa clausura da entidade organizadora, e os primeiros traballos sobre sociolingüística, obrigado pola desleixo dos sabidos. O pobo galego maniféstase como suxeito soberano e organízase a UPG en Ourense, impulsáse e clarifícase a “Auriense”, formalízase  a Organización, así coñeciamos a UPG, coa conformación dunha nova dirección en 1972, lánzase a Fronte Cultural, alí estaba en Santa María de Noia con Lois, Reboiras e o Manuel, articúlase a UTEG, días de Vigo con Mari Carme Teixeiro e Felisa García, e ponse a andar a ANPG. Era un non parar, como non paraba a represión. Detido en Ourense en relación cos sucesos de Marzo de 1972 en Ferrol, condenado a unha multa de cento cincuenta mil pesetas, é obrigado a cumprir dous meses de cadea. Sancionado en 1974 con vinte cinco mil pesetas de multa por pronunciar unha conferencia sobre Eduardo Pondal e transmitir “ideas secesionistas” en opinión da autoridade gobernativa. Multado con cincuenta mil pesetas en Abril de 1974 polo Goberno Civil da Coruña con motivo dunha palestra na Universidade de Compostela co título “ Castelao e a lingua”. E así moitas veces naqueles anos, que eran moito máis que anos contra Franco, que eran anos, iso si en ditadura, para loitar polo mesmo que loitamos hoxe.

Sancionado en 1974 con vinte cinco mil pesetas de multa por pronunciar unha conferencia sobre Eduardo Pondal e transmitir “ideas secesionistas” en opinión da autoridade gobernativa

Abril de 1976. O franquismo non se abre para aqueles que apostan por unha mudanza que vaia alén dun simple cambio de réxime. Francisco Rodríguez era no momento o único ensinante que permanecía desterrado no Estado Español, a pesar do movemento de solidariedade que erguera  o seu caso na Galiza e para sorpresa de sectores da oposición do Estado. Abonda como exemplo desta vaga solidaria a mobilización do estudantado, que convocada por ERGA realiza as súas primeiras protestas en Abril de 1975, se ben terá o seu punto álxido no marco das mobilizacións pola amnistía de decembro de 1975 que paraliza centros educativos en diversas vilas e manifestacións en preto de corenta localidades. Á par da resposta do País, destaca o apoio que chega de Portugal, onde en Maio de 1975, douscentos intelectuais e traballadores portugueses fan chegar a súa reivindicación á embaixada española de Lisboa expresando a “solidariedade co compañeiro represaliado”, esixindo a anulación da condena de desterro e denunciando a persecución da cultura galega e os “seus militantes máis significados e rigorosos”. O contrapunto a este nordés de apoios veu de sectores minoritarios da propia Galiza, particularmente dalgúns do representante do profesorado galego nas coordinadoras estatais, que silenciaron ou evitaban enfrontar o problema, tal como testemuñaban os representantes de Andalucía nas mesmas. Aínda así, após idas e voltas, Francisco Rodríguez estaba de volta na terra para rematar o curso 1975/1976, estaba en Maio, ruxía o proletariado do mundo, a Platajunta fechaba a porta a calquera ruptura en Galiza e cantaba Curros.

Comentarios