venres 24/09/21

O decisivo reinado de Witiza para a Galiza

É vítima das críticas da historiografía españolista porque representa unha acción de goberno heterodoxa. O seu reinado evidencia a existencia da Galiza como unha realidade diferenciada e o apoio dos galegos á alternativa deste monarca dá a chave para entender a historia do país no axitado século VIII ibérico.
Tui, a cidade onde Witiza instalou a súa corte. (Foto: Luís Miguel Bugallo)
Tui, a cidade onde Witiza instalou a súa corte. (Foto: Luís Miguel Bugallo)

A Galiza mantívose como realidade diferenciada dentro do espazo político visigótico após súa conquista en 587 polo rei Leovixildo. A este respecto, a documentación da época non deixou dúbida da existencia de varias comunidades nacionais baixo o mesmo trono, sinalándose nas actas dos concilio de Toledo que o reino estaba formado por “Hispaniae, Gallie et Gallecie”. Na mesma liña, a crónica contemporánea de Juan de Biclaro indicou que en 589 “o rei Recaredo reuniu nun santo sínodo os bispos de toda España, da Galia e da Galiza na cidade de Toledo”. Unha idea afirmada polos mandatarios internacionais, entre eles o papa Gregorio “O Magno”, que se referiu a este monarca como “rei dos godos e dos suevos”. 

A elección de Witiza como rei da Galiza en 694 foi unha expresión desta diferenciación política. Se durante moito tempo, seguindo o relato de Prudencio de Sandoval na súa Historia de España ou do Códice Sebastián do século IX, se pensou que o nomeamento de Witiza foi resultado dunha decisión paterna, as explicacións neste momento van noutra dirección.

Nesta nova orientación, autores como Fernando López sinalaron as malas relacións entre pai e fillo, nacido dunha relación con Cixilo, filla de Ervixio, repudiada polo monarca, destacando Roger Collins que Witiza foi imposto polo partido galego, sublevado contra Exica en maio do 693, como demostrou a orixe sueva dos nomes dos rebeldes, significándose entre eles Teodomiro e Tegra. Sexa como for, Witiza foi proclamado monarca en Tui, onde instalou a súa corte, en palabras de Sandoval, “recibindo a Galiza como a tiveran os suevos”.

A corte de Tui

O reinado de Witiza alongouse até a súa morte violenta en 710, sumando a partir de 702, ademais da Galiza, os reinos de Hispania e a Septimania. As pegadas da acción gobernativa do monarca desde a corte de Tui, cidade que recibiu un grande impulso nas décadas finais do século VII en detrimento das capitais tradicionais de Braga e Lugo, ficou documentada na crónica Mozárabe e de Afonso III, esta última de escasa fiabilidade, así como na produción de moedas. A Crónica Albedense, redactada arredor do 883 no mosteiro de San Millán, afirmou que Witiza “en vida do seu pai residiu na cidade de Tui, da Galiza”, sinalando que “alí tamén se atopaba o duque Favila, pai de Paio” e destacando a mala relación do monarca galego con este e co seu fillo. Un estudo das moedas fabricadas nas cecas do espazo peninsular significou a grande actividade desenvolta neste período nas existentes en Tui.

O apoio da Galiza ao partido witiziano explicaría a non intervención armada musulmá no noso país. A chegada de continxentes militares do norte de África á península á volta do 710 enmarcouse na guerra civil entre os seguidores de Witiza e de Rodrigo, o derradeiro monarca visigodo que chegou ao poder após un golpe de Estado violento. Os primeiros solicitaron o apoio dos musulmáns na súa loita contra os segundos, nun contexto onde o mundo visigótico non foi nunca unha realidade compacta nin homoxénea, destacando a presenza dos norteafricanos naquelas áreas onde os seguidores de Witiza contaron con menos apoio. 

A campañas militares dos musulmás acadaron as fronteiras de Galiza, un territorio non considerado España polos propios visigodos, como deixou claro Isidoro de Sevilla nas Etimoloxías. Porén, estes non procederon a ocupar nin asentarse no antigo reino dos suevos. Nesta liña, o historiador Anselmo López Carreira escribiu que “a intervención musulmá (non esquezamos, dirixida a derrocar a Rodrigo e co apoio dos witizianos) era innecesaria nos territorios da Galiza, pois neles o bando witiziano estaba fortemente asentado”.

A historiografía españolista converteu Witiza en albo das súas críticas, facéndoo responsábel da “invasión da península polos musulmáns” e culpábel da “perda de España”. A visión hexemónica sobre o rei galego, estendida pola tradición cronística medieval triunfante, transmitiu unha imaxe negativa do monarca e dos seus partidarios, moi diferente á traslada por aquelas fontes máis contemporáneas aos feitos. Así, por exemplo, a Crónica Mozárabe de 754 recolleu que Witiza fixo xustiza a aqueles perseguidos con anterioridade e “imperou a felicidade durante todo o seu reinado”, sinalando o cronista musulmán do século Ibn Haian, seguindo outros historiadores anteriores, que “Witiza foi home de boa conduta e proceder, querido polos súbditos”.

comentarios