Tres décadas da volta de Castelao a Galiza

Este 28 de xuño cúmprense 30 anos da traída dos seus restos mais tamén 78 do plebiscito do Estatuto do que Castelao foi un dos grandes artífices. 

Chegada dos restos de Castelao a Bonaval (Xan Carballa)
photo_camera Chegada dos restos de Castelao a Bonaval (Xan Carballa)

O 2014 está a ser o ano de Daniel Castelao. Para alén dos setenta anos da publicación do Sempre en Galiza, este 28 de xuño conmemórase tamén o 30 aniversario da traída dos seus restos a Galiza. Aliás cúmprense 78 dunha das súas conquistas máis importantes, o plebiscito do Estatuto en 1936. 

Do día en que Castelao foi devolto á súa terra --após un longo exilio que o levou a América-- hai dous relatos ben distintos. O oficial, escrito desde as institucións galegas e españolas daquela altura, e o popular. O dos centos de persoas que se amoreaban nos arredores de Bonaval para honrar a memoria do que foi o grande construtor do pensamento nacionalista galego. 

As imaxes gravadas pola televisión pública aquel 28 de xuño de 1984 dan boa conta da belixerante resposta coa que o goberno de Fernández Albor quixo calar os berros d@s galeg@s que se afanaban en defender a súa memoria e pensamento ao berro de 'Galiza ceive, poder popular'. Pois embora non ser desexo de Castelao que os seus restos fosen levados de volta a Galiza "até que non for unha terra ceive", volveu e foi soterrado nun Panteón de galeg@s ilustres, mais aínda hoxe en mans da igrexa. A mesma que apoiou o réxime que o empurrou fóra do seu país. 

"A Castelao non se traizoa", berraban @s manifestantes entre cargas policiais. Un berro unicamente silenciado pola chegada do cadaleito. O rexeitamento a que os restos do nacionalista fosen "manipulados, coma todo, polo poder", escribía Uxío Novoneyra na Nosa Terra, mobil

izou a centos de persoas que crían, continuaba o poeta do Courel, en que o obxecto do seu traslado a Galiza procuraba "soterrar o nacionalismo sob a lousa de Santo Domingos de Bonaval". Unha idea que foi respostada nas rúas a golpe de pintadas en que a faciana de Castelao se laiaba de ter volto ou mesmo con sucintas mensaxes nas que a carraxe popular o dicía todo nun "Castelao é noso, cabróns". 

Uxío Novoneyra denunciaba nun artigo xornalístico en 1984 o intento "do poder" por "manipular" a figura de Castelao soterrándoo en Bonaval

 

Así as cousas hai 30 anos que os seus restos descansan na capital de Galiza e a súa memoria e pensamento perviven aínda entre as persoas que traballan por unha Galiza soberana como a que el defendeu. Unha incansábel loita que o levou a Madrid na procura dun novo estatus político para o país e que marcaría a súa traxectoria política, tamén, un 28 de xuño mais desta volta, de 1936.

O plebiscito do Estatuto

Nesa data, o pobo galego estaba chamado ás urnas para plebiscitar o Estatuto de Autonomía que Castelao e Bóveda redactaran. Dun censo de 1.343.135 votantes, máis de 990.000 persoas apoiaron un texto que non podería ser ratificado até novembro de 1945 por mor do golpe de estado do '36. Con Castelao xa no exilio e boa parte dos artífices do estatuto asasinados, Galiza entrara xa na longa noite de pedra. 

O longo percorrido até a súa votación é repasado nunha exposición editada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e que se pode visitar de balde na rede. Aliás, o Consello da Cultura organiza un acto oficial polo 70 aniversario da publicación do Sempre en Galiza que chegará ao Parlamento o 4 de xullo. Nesa data Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo explicarán o significado da obra de Castelao ao tempo que terá lugar unha leitura colectiva dalgúns fragmentos. 

Para difundir a conmemoración, desde o Consello puxeron a andar unha campaña nas redes sociais co hastag #sempreengz co que están a partillar o vídeo elaborado para a ocasión. 

Comentarios