'As guerrillas galegas ao descuberto"

Carlos Parrado, investigador: "Curuxás” considerábase un lobo de sorte"

Carlos Parrado leva décadas investigando a traxectoria persoal e política de Ramón Rodríguez Varela “Curuxás”. Nado nas mesmas terras que o famoso guerrilleiro, coñeceu a moitos dos seus enlaces e compañeiros de militancia. A cuarta feira en Nós Diario achégase de novo a súa figura.
photo_camera Carlos Parrado. (Foto: Nós Diario)

Como foi o proceso de toma de conciencia social e política de “Curuxás”?

O seu primeiro contacto coa militancia foi nas minas de San Fins en Lousame, a onde chegou case por casualidade en 1934 tras cederlle o emprego o seu amigo Arturo de Saa. Naquela altura para traballar era case obrigado estar sindicado, alí organizase no sindicato mineiro adscrito á Confederación Nacional do Traballo (CNT) que estaba dirixido por cadros libertarios como Enrique Fernández ou Claro José Sendón. A politización veu pola mina, nun momento que a dialéctica social e política de Noia, Lousame e o conxunto da comarca, como ten sinalado Xerardo Agrafoxo, estaba marcada polos traballadores de San Fins. A este respecto, a maioría dos seus compañeiros da mina cos que falei tíñano por un home serio e formal

Os mineiros de San Fins xogaron un papel importante na resistencia ao golpe militar de 1936, que se sabe da actuación de “Curuxás” nese momento?

Na mina de San Fins, a novidade do levantamento fascista dálla aos compañeiros Enrique Férnandez Maneiro, a quen eu coñecín na Coruña en compañía de Dionísio Pereira nos anos 70 e que nos trasladou a idea de “Curuxás” como unha persoa de ideas firmes.

Respondendo a petición de auxilio do gobernador civil Antonio Pérez Carballo, os mineiros concéntranse en Noia, desprazándose posteriormente en camións e autobuses cara Santiago de Compostela, con moi pouco armamento pero si cunha cantidade importante de dinamita. Unha vez concentrados en Santiago de Compostela, o alcalde Ánxel Casal diríxelles a palabra e comunícalles que ten a palabra do comandante militar da cidade, Bermúdez de Castro de manterse fiel ao réxime republicano polo que continúan viaxe á Coruña. Cando no abrente do día 21, a expedición chega a Coruña a cidade xa estaba en poder dos militares porén os mineiros tomaron por asalto a estación de ferrocarril e entran nas rúas da barriada de Santa Lucía, baixan aos cantóns e fan retroceder cara a parte da casa do concello as forzas sublevadas

Na alborada do 23 de xullo, e ao longo de todo o día, de maneira individual ou en pequenos grupos, os mineiros de San Fins e os voluntarios que os acompañaron iniciaron de maneira totalmente desorganizada unha perigosa retirada cara Noia.

“Curuxás” botou 12 anos na clandestinidade"

Que se sabe da labor desenvolta por “Curuxás” na  primeira etapa como fuxido?

O día 28 de xullo de 1936, falanxistas de Lousame e Noia acompañados por varios gardas civís presentáronse coa idea de prender a “Curuxás” nas instalacións da mina de San Fins, concretamente nun edificio denominado o cuartel novo, onde durmía o mineiro, e espertado polo aviso dun compañeiro ao se decatar de que as forzas represivas estaban penetrando no edificio, a medio vestir e descalzo salta por unha fiestra de algo máis de dous metros e correndo monte abaixo diríxese a aldea de Maside.

Ao pouco, os montes de arredor de Lousame énchense de fuxidos que non tardaron en organizarse para subsistir, sumándose ao grupo de “Curuxás” outros antigos compañeiros da mina como o presidente do sindicato da CNT, Abdón Telésforo Vázquez, Hilario Arroyo Medina “O Moreno”, Celestino Horta, Avelino Méndez Suárez “O asturiano” e o portugués José Diaz.

A acción máis destacada desta primeira etapa foi o asalto á propia mina o 14 de abril de 1937 para facerse co diñeiro das nóminas, conseguindo practicamente 7.000 pesetas que posteriormente reparte cos seus compañeiros malia facela en solitario.

Que significaría da  loita de “Curuxás” como guerrilleiro, xa en contacto con outros militantes das agrupación guerrilleiras?

“Curuxás” como era denominado polos seus veciños das terras de Melide e da Ulloa ou Varela como lle chamaban os compañeiros de San Fins foi sometido desde o primeiro momento polas forzas da orde a unha dura persecución. Nese escenario sitúanse algúns dos seus feitos de arma máis sonados, entre eles a morte dun cabo da Garda Civil de Palas que acudira con varios números para detelo.

Os primeiros contactos de “Curuxás” e os militantes da III Agrupación prodúcense a través de Manuel Fernández Valle “Portafondón”, un militante de esquerdas de Palas de Rei que cando a revolución de 1934 xa cadrara no cárcere con guerrilleiros como José Temblás. Precisamente por vía de “Portafondón” “Marrofer” conecta cos escapados da Ulloa e das terras de Melide dando lugar a unha colaboración, até o punto que unha das accións máis lembradas da guerrilla en Melide, o asalto a reitoral de Meira, conta con participación de guerrilleiros da zona de Viveiro.

A actividade guerrilleira nesta comarca leva un duro golpe en 1946. O 3 de febreiro caen en combate Benedicto Fuentes, quen naquela altura ocupaba as máis importantes responsabilidades na resistencia armada na zona. O 24 de xuño é asinado “Marrofer”, outra peza chave do operativo armado antifascista da zona e a finais de ano abandonan o país no barco “Santa Teresa” máis de 20 militantes da III Agrupación.

"Curuxás "salvouse grazas ao cariño e a colaboración da xente  da comarca de Melide e da Ulloa"

Como explica que “Curuxás” se mantivera durante máis de 30 anos na clandestinidade e que mesmo non chegara a ser detido polas forzas da orde?

Salvouse grazas ao cariño e a colaboración da xente da comarca de Melide e da Ulloa. Era un mito para pobo que lle profesaba unha grande admiración e nese sentido ofrecíanlle o seu apoio, mesmo conscientes dos riscos que corrían ao axudalo.

“Curuxás” mantívose firme nas súas ideas e principios até o final. De feito, cando soubo do asasinato do “Piloto”, só un ano antes da súa morte, comentou ao seu círculo próximo que se soubera quen fora o delator acudiría  a Chantada para executalo. Penso, que a mellor definición deste último “Curuxás” deuna el mesmo nunha ocasión que se lle cruzaron dous lobos, segundo el o día que máis medo pasou. Despois de matar un deixou escapar ao outro afirmando “tu es un lobo de sorte como min”. Efectivamente “Curuxás” foi un lobo de sorte.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios