A curia non é clase artesá, por Xoán Costa

Sen titulo
photo_camera Imaxe: Jorge José Yáñez, primeiro presidente do Circo de Artesáns (1847)

Modernamente utilizamos a palabra artesán para nos referir a quen fabrica manualmente determinadas pezas ou produtos (de olaría, carpintaría, tecelaxe, etc) imprimíndolles certo selo persoal.

Mais en tempos non moi afastados encontramos a palabra con outro valor: o de persoa que exercita un oficio meramente mecánico. É así como hai que entender a palabra que se utiliza para precisar cal é a «clase artesá» que pode ter acceso, por exemplo, á sociedade denominada Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, tamén coñecida como Circo de Artesáns, fundada na Coruña en 1847.

Que se considera artesán foi motivo de debate desde a primeira reunión da xunta directiva desta entidade, pois en función desa consideración producíase ou non a admisión.

Non foron admitidos os militares en activo mais si os operarios da Maestranza de Artillaría, a pesar de usaren uniforme e estaren suxeitos á xustiza militar.

Mais o problema era a curia. Cal debía ser a súa consideración?. Eran ou non artesáns? A cuestión levou a moitos debates mais, finalmente, despois de arduas deliberacións, decidiuse que non se debían admitir os curiais, considerando puramente artesáns “os escribentes da curia que sexan fillos de artesáns e estexan suxeitos a un xornal”

Un máis dos curiosos debates dados na primeira metade do século XIX e que conclúe que a curia non é artesá. As sotanas ficaban fóra do Circo mais non a súa influencia e control.

Comentarios