Curas que non poden andar en bicicleta

Screen Shot 2018-08-24 at 11.47.23

Difícil o tería Alberto Leiva, o cura de Lugo que este ano participou por terceira vez na famosa  “Quebrantahuesos”, se exercese a final do século XIX en Milán. Alí, en maio de 1896 a Congregación de presbíteros resolveu prohibir o uso do velocípedo aos curas.  Xa antes intentara que a prohibición fose para toda a cristiandade mais non conseguira que o Papa entrase en razón.

Mais desde maio de 1896 na diocese de Milán os curas non podían andar en bicicleta. Por certo, o Arcebispo Cardeal de Milán apelidábase Ferrari.

E que razóns tiña o Sr. Ferrari para impedir o pedaleo dos curas? Pois segundo el o ciclismo está en contra da seriedade do estado eclesiástico. 

Nen admitía o velocípedo como vehículo de urxencias pois cando un cura párroco de aldea lle demostrou que grazas á bici tiña chegado moitas veces a tempo de administrar os últimos sacramentos a un moribundo levou unha pauliña considerábel da Ilustrísima. Como bon pastor non confíaba o Bispo nas súas ovellas pois, facilmente, di, poderían os curas encontrar gusto no pedaleo, unirse a outros compañeiros de pedal, e iren xuntos a lugares pouco edificantes.

Así que, aquel ano non houbo bicicleta.


(texto publicado no número 271 de Sermos Galiza, o 9 de novembro de 2017).

Comentarios