79 aniversario do referendo para o Estatuto do 36

Case un millón de galegos e galegas votou a prol do texto nun plebiscito que contou cunha alta participación.

Estatuto 36 (El_Pueblo_Gallego_28-6-1936)
photo_camera Capa El Pueblo Gallego o 28/06/36)


Un 28 de xuño de 1936, case un millón de galegos e galegas votaba a prol dun Estatuto para Galiza nun referendo que contou cunha alta participación, do 75% do censo electoral, e un maioritario apoio do 85%. Mais nunca se chegou a aprobar. Poucos días despois estalaba o golpe militar e truncaba a súa entrada a trámite nas Cortes Españolas, xunto as aspiracións de soberanía de amplos sectores do país, politicamente representados polo Partido Galeguista de Castelao e Bóveda.

Fanse 79 anos daquela data que marcou un fito histórico en Galiza. Por primeira vez se recollía a oficialidade da lingua galega e o seu carácter de nacionalidade. Durante un lustro, o texto foi collendo forma até agromar un amplo consenso, seguido dunha intensa campaña polo si promovida pola intelectualidade nacionalista e de esquerdas da época, liderada polo Partido Galeguista.

Para a historia fican os cartaces de Castelao (na imaxe da esquerda), ou de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo.

'A Nosa Terra' publicaba o 20 de marzo de 1936 o texto definitivo (que se pode consultar nesta ligazón). Durante a campaña a prol do Estatuto, repartíronse un millón de exemplares, miles de voandeiras e afiches, con mitins en vilas e cidades.

Porén, o Anteproxecto redactado en 1931 polo Seminario de Estudos Galegos, o xermolo do devandito Estatuto, era máis ambicioso e recoñecía Galiza como “un estado libre dentro da República Española”. Uns termos que foron rebaixados durante o debate posterior para concederlle o status de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. 

Non sería até 1981 cando se oficializaría un Estatuto para Galiza, un texto que perdera durante décadas de represión e exilio a boa parte das e dos seus impulsores e, con eles, algunhas das conquistas arrebatadas polo fascismo no 36.

Comentarios