A “crueza” das foxas da Guerra Civil chega ao Fórum da Coruña

Unha mostra organizada pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recolle en 20 imaxes do galardoado fotoxornalista Eloi Alonso a tarefa de recuperación dos restos mortais das vítimas da represión franquista.

Expo Forum Memoria Histórica 2

“É unha exposición dura de ver pola súa crueza, pero é a realidade, o que se fai nas exhumacións é buscar restos de persoas que foron executadas para rescatar os seus ósos e que as súas familias podan enterralos con dignidade, non hai máis”. Así define o seu propio autor, o fotoxornalista Eloi Alonso, as 20 fotografías que compoñen a mostra As foxas do esquecemento, que se poderá visitar até o vindeiro 29 de outubro no salón principal do Fórum Metropolitano da Coruña.

Organizada conxuntamente pola Asociación de Veciños Oza Gaiteira-Os Castros e pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a mostra vese complementada con documentación propiedade da agrupación e por dúas conferencias coa temática da “desaparición forzada” como eixo central, impartidas pola profesora e voceira da ARMH Carmen García-Rodeja, o 7 de outubro, e polo investigador Eliseo Fernández o 14, as dúas ás 19:30 horas.

Paulo Sexto, presidente da Asociación de Veciños Oza Gaiteira-Os Castros, explica que o seu colectivo involucrouse neste proxecto porque consideran que o da Memoria “é un tema que se ten que tratar en todos os ámbitos sociais e en todos os sitios”, e que os veciños do barrio “teñen que coñecer a historia, saber o que pasou, que moita xente foi vítima da represión franquista e soterrada nunha foxa anónima só por defender uns ideais”.  

Expo Forum Memoria Histórica Pola súa banda, García-Rodeja incide na calidade das imaxes de Eloi Alonso e na “honra” que supón para eles poder contar coa colaboración dun artista que ten fotografías seleccionadas entre as 100 mellores do ano pola revista Time, ou que foi recoñecido como Mellor Fotógrafo do Estado en 2013 pola Asociación de Informadores Gráficos, e máis tendo en conta que o fai “de forma altruísta”. O traballo do asturiano é descrito pola voceira da ARMH como unha forma de “inmortalizar” unha parte importante do labor dunha asociación que leva anos dedicándose “á procura e recuperación dos restos mortais das vítimas da represión franquista”.  

Estampas de corazón

O fotógrafo protagonista da mostra revela que o da Memoria Histórica é un asunto que lle toca moi fondo no corazón, xa que lle mataron e enterraron o avó nunha foxa común, o que lle permite ter unha “dobre visión” do tema: “A persoal, por ter un familiar de primeiro grao asasinado, o que me levou a querer coñecer a súa historia e saber o que pasou; e a profesional, xa que como fotoxornalista considero que a Guerra Civil é algo moi representativo que hai que documentar para que quede constancia para as vindeiras xeracións da xente que segue metida en foxas en plena democracia. Non hai dereito a seguir sendo o segundo país no mundo con máis desaparecidos”.

Alonso pensa neses ósos que inmortaliza como “o esqueleto que forma a democracia que hoxe temos, grazas a toda esa xente que loitou para vivir en paz, como o facemos hoxe, e que deixou a súa vida no camiño”. Por iso, apostila, esta é unha exposición “dura”, pero que pode “contribuír a que a historia non se repita e que nunca máis morra ninguén por causa da súa forma de pensar nin pola súa forma de crer”.

Comentarios