Cruce de acusacións e ataques políticos con Meirás como fondo

A entrega das chaves do pazo de Meirás, que estivo 82 anos en mans do ditador Francisco Franco e da súa familia, é un dos temas máis comentados do día nas redes sociais. Porén, este día histórico aproveitouse como soporte para outro tipo de ataques e acusacións políticas e de ideario.
Acto de entrega do pazo nas dependencias da biblioteca de Pardo Bazán. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
photo_camera Acto de entrega do pazo nas dependencias da biblioteca de Pardo Bazán. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

Ao igual que Meirás, en Sada, foi hoxe epicentro da actualidade galega, tamén o foi para boa parte das e dos usuarios das redes sociais. O debate nos estabelecementos de hostalaría, nos parques e mesmo nos arredores ao pazo que estaba en poder da familia do ditador Francisco Franco trasladouse á espera dixital.

A tónica dos comentarios que converteron Meirás en Trending Topic en Twitter foi positiva, celebrando a entrega das chaves desta propiedade (cos seus bens, patrimonio cultural do pobo) ao Estado.

Quer partidos políticos e as súas cabezas visíbeis, quer analistas políticas, quer tuiteiras de toda índole opinaron ao respecto. “Hoxe recuperamos o Pazo de Meirás para a cidadanía. Despois da retirada do ditador do Val dos Caídos, o goberno progresista cumpre con Meirás. E a vicepresidenta Carmen Calvo traslada na súa visita a Galicia o compromiso do goberno coa memoria democrática”, dicía o secretario do PsdeG, Gonzalo Caballero.

“Pódese dicir máis alto pero non máis claro: por fin se fai xustiza e se remata co roubo do século”, reflexionaba o analista Antón Losada na televisión, cunha opinión compartida na plataforma. Ciudadanos na Galiza pedía lembrar o inmoble por Emilia Pardo Bazán e non pola familia Franco e o seu legado.

“O Pazo de Meirás debe converterse nun espazo dedicado á Memoria histórica e nun espazo aberto feminista. Seguro que Pardo Bazán estaría disposta a que ambas ideas se fixesen realidade. Nin unha nin a outra, ambas! Porque Memoria Histórica tamén é recordar o machismo do réxime”, podíase ler noutra mensaxe co cancelo sadense.

Incluso se pensou en que “hoxe é un gran día para a xustiza e a democracia. Hoxe, por fin, o pazo de Meirás volve ao seu lexítimo dono. Un importante paso para acabar coa impunidade de quen, durante demasiado tempo, enriquecéronse a costa do noso país”.

Críticas diversas

Mais enseguida aproveitouse esa posición e promoción da palabra para lanzar consignas ou opinións políticas a un e outro lado. “Os Franco entregaron hoxe as chaves do pazo de Meirás, para cando os Borbóns entregando as chaves da Zarzuela”, reflexionaba un usuario. Esta foi unha idea bastante repetida nos taboleiros.

Para outra persoa quedaba claro que “a un roxo en ERTE cóntaslle o do pazo de Meirás e segue votando ao PSOE co soro conectado”. Un terceiro opinaba: “Valor do pazo de Meirás regalado ao Caudillo: 8 millóns de euros. Custo do Falcon 900B do que fixo dono “el Fraudillo”: 35 millóns de euros”.

“Pazo de Meirás entregado, Val dos Caídos desaloxado, o Emérito pagando impostos, a Monarquía baixo mínimos, PGE a favor das persoas, un Goberno de esquerdas (grazas a UPodemos).... E queredes que a dereita non dea dentelladas?”, foi outra das mensaxes que se deixou coa escusa de Meirás.

Dúbidas sobre a CRTVG

De feito, incluso a CRTVG levou ataques por non retransmitir en directo o acto de entrega ao Estado e continuar coa súa programación habitual.

Porén, había quen entendía que amosar ese momento “tiña tanto interese como a exhumación do ditador”.

Comentarios