A CRMH insta os concellos a ondear a bandeira da II República o 14 de abril

O colectivo solicitouno xa na Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo, Betanzos, Sada e Bergondo con motivo do 85º aniversario da súa proclamación. 

Campo da Rata
photo_camera Monumento homenaxe ás persoas represaliadas [Campo da Rata A Coruña]

A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) solicita aos concellos da comarca que o 14 de abril, con motivo do 85º aniversario da proclamación da II República, penduren dos mastros das casas consistoriais a bandeira tricolor. Gondomar e Narón anunciaron que o farán. 

Os concellos de Gondomar e Narón anunciaron que se sumarán á iniciativa da CRMH

Entre os consistorios contactados polo colectivo atópanse os de Oleiros, Cambre, Culleredo, Betanzos, Sada, Bergondo e da Coruña. Ao seu rexedor, Xulio Ferreiro, lembran a "tradición republicana" da cidade así como a presenza do "republicanismo" como movemento político non só en organizacións senón tamén en "casinos e outras entidades". 

600 persoas fusiladas

Aliás, sinalan o número de persoas represaliadas polo fascismo após o levantamento militar de 1936. "máis de 600 persoas asasinadas na comarca, entre elas as principais autoridades: Francisco Pérez Carballo, Gobernador Civil; Rogelio Caridad Pita, Gobernador Militar; Enrique Salcedo Molinuevo, xeneral xefe da VIII División Orgánica; Ánxel Casal, vicepresidente da Deputación e alcalde de Santiago; Manuel Quesada e Gonzalo Tejero, comandante e capitán das Forzas de Asalto. No concello da Coruña foron asasinados: Alfredo Suárez Ferrín, alcalde; Joaquín Martín Martínez, secretario do concello; Manuel Prado Allegue, xefe da Intervención Municipal; Francisco Prego Campos, xefe de Negociado do concello; dirixentes de partidos como Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Socialista da Coruña; Pedro Galán Calvete, presidente das Mocidades Galeguistas. Dirixente sindicais como José Villaverde e José Boedo López, da CNT; Eugenio Carré Naya, secretario da Federación de Traballadores do Ensino-UXT. Entre as vítimas había unha gran pluralidade: anarquistas, socialistas, comunistas, galeguistas, republicanos", sinalan na proposta achegada polo presidente da CRMH da Coruña, Fernando Souto. 

As casas consistoriais teñen pendurado outras bandeiras dos seus mastros como a LGTBi ou a do Sáhara 

Neste senso, lembran que o consistorio xa pendurou noutras ocasións bandeiras coas que quixo visibilizar a adhesión municipal a diversas loitas como a bandeira do orgullo LGTBi. "A colocación desta bandeira da República durante un día debe interpretarse como unha merecida homenaxe ás persoas que defenderon a República, que simbolizaba democracia e liberdade, e tamén de xusta homenaxe e lembranza a aquelas que sufriron a represión da ditadura franquista", explican. 

Conflito xudicial
En abril de 2012 o Concello de Donostia pendurou do mastro da casa consistorial a bandeira tricolor. Tal decisión foi denunciada pola Delegación do Goberno español ao considerar que vulneraba a lei de símbolos española. Un anos despois o xulgado contencioso-administrativo nº1 de Donostia resolvía a favor do goberno municipal asegurando que ao non substituír este símbolo ningún outro non podía ser considerado contrario a dereito pois fixerase ao abeiro da conmemoración dun feito histórico. 

Visibilidade

Cada vez son máis as loitas que se visibilizan nas fachadas dos concellos galegos, a última foi amosar o rexeitamento á política europea coas persoas refuxiadas arriando as bandeiras da UE ou deixándoas á metade como mostra de reprobación pola vulneración do dereito de asilo e acollida. 

Comentarios