A crise na exportación de gando

El Correo Gallego

A incorporación de Galiza no mercado mundial como rexión agro-exportadora sitúase por volta de 1840 sendo o comercio de exportación de vacún o máis salientábel. En novembro de 1874 parten para Inglaterra e Franza, desde A Coruña, 1.528 cabezas, cantidade que aumenta de cara a 1878 en que no primeiro semestre foron por volta de 18.000, distinguindo tres tipos de reses, con distinto valor, segundo o seu destino para praza, mariñeiría ou roupa.

Cara a 1879 La ilustración Gallega lamenta a grande caída que se dá nas exportacións, insinuando que a competencia estranxeira pode estar na orixe. Quen é ese mercado competidor? Aclara El Correo gallego de marzo de 1880, centrado agora no porto de Carril que pasa de exportar máis de 10.000 reses ano a case nada: é a competencia do mercado norteamericano que cuns prezos moito máis baratos arruína o mercado galego. E iso unido a fortes subas no prezo do cereal.

En 1886 a crise é total. El Eco de Galicia titula "La crisis ganadera", un artigo publicado en novembro, introducindo agora unha nova variábel: o convenio asinado por España con Inglaterra faise en beneficio de Andalucía sen considerar os intereses galegos.

A ruína do rural galego é inminente.

Este texto viu a luz no Sermos Galiza número 272, publicado a 16 de novembro de 2017.

Comentarios