Criar esturións no Miño

Captura de pantalla (73)

Nos tratados de alimentación do século XIX hai unha serie de peixes considerados demasiado fortes para os estómagos febles. Un deles é o esturión, tamén coñecido como esturxón ou sollo rei, unha especie autóctona dos ríos galegos desaparecida hai máis de 50 anos (o último avistamento no Miño é de 1961) debido sobre todo á construción de encoros. Tamén en Portugal se considera extinto, após ter sido pescado un exemplar no río Guadiana, en finais da década de 1970.

André de Resende, o teólogo nado en Évora a comezos do século XVI e pioneiro da arqueoloxía en Portugal, no seu libro De Antiquitatibus Lusitaniae, entrégase a unha apaixonada discusión, case patriótica, sobre a orixe deste peixe que os romanos chamaban acipenser. Propón que se denomine asturio pois sendo habitante do Miño e nacendo este nas Asturias nada mellor que denominalo asturxao.

Captura de pantalla (74)

O certo é que a pesca e o consumo de sollo rei foi habitual entre nós. El Eco de Galicia (11-02-1898) dá conta, dentro do que podería ser unha relación de comidas para o mes de febreiro, desta circunstancia incluíndo como normal a posibilidade de tomar “cavial” no citado mes. Por suposto, non só se comían as ovas, mais o peixe completo.

Da pesca destes animais no Miño, e do aproveitamento das súas ovas, dános conta, en 1963, Salvador Alonso, membro da Sociedade de caza e pesca “La Viguesa” e acompañante de Franco na pesca do salmón no Ulla, e el propio pescador de esturións no Miño, ao firmar que pescou nunha ocasión un que lle proporcionou 12 quilos de caviar, o que xustificaría a súa rendibilidade. Por iso propón a introdución do cultivo do esturión no río Miño afirmando que “o Caudillo xa sabe destas magníficas condicións e deu as ordes oportunas para que sexa recoñecido por técnicos persas co fin de estudar as posibilidades de criar esturións nel”.

E aí rematou todo. Parece que o “caudillo” tiña interese en peixes aínda máis gordos!

Comentarios