O Couto Mixto pula por se converter no motor económico da 'raia seca'

A Iniciativa polo Couto Mixto reclama para este territorio, con 700 anos de historia, un status coma o do Val d'Aran (Catalunya).
Territorio que abrangue o Couto Mixto e a súa bandeira, a da 'República das Tres Chaves' (Mapa: Nós Diario).
photo_camera Territorio que abrangue o Couto Mixto e a súa bandeira, a da 'República das Tres Chaves' (Mapa: Nós Diario).

A historia do Couto Mixto remóntase, aínda que non se sabe con certeza pola falta de documentos na época, á escisión do Condado de Portugal do Reino da Galiza, no século XII. Este territorio, de apenas 26 quilómetros cadrados de extensión, estaba constituído por tres núcleos habitados: Santiago dos Mixtos, Rubiás (ambos os dous no concello de Calvos de Randín) e Meaus (Baltar).

Durante perto de 700 anos funcionou como un ente administrativo de seu, algo semellante a un microestado coma a Cidade do Vaticano, xa que dentro das súas fronteiras non se pagaban tributos a Portugal nin ao Estado español, e os seus habitantes non podían ser convocados por ningún destes exércitos.

"Poderiamos dicir, para contextualizar, que o Couto Mixto é o homólogo de Andorra na Galiza, coa diferenza de que non era un principado, senón unha república. O xefe do Estado era un xuíz-presidente escollido nunha votación a man alzada polos varóns de máis idade de cada familia. Tamén podemos comparalo coas repúblicas italianas daquela época", explica a Nós Diario Serxio María Rodríguez, politicólogo e portavoz da Iniciativa polo Couto Mixto, un grupo de cidadáns deste territorio que reivindica a súa memoria e loita por dotalo dun status semellante ao que rexe o Val d'Aran (Catalunya).

As e os habitantes deste microestado rendían contas ante o seu xuíz-presidente —que ostentaba os poderes executivo e xudicial— para calquera cuestión agás os delitos de sangue, que eran xulgados polas autoridades galegas ou lusas, segundo o decidise cada persoa. "Alén de seren cidadáns mixtos, unha familia podía vencellarse de forma civil a un dos Estados brindando no casamento á saúde do rei de Portugal ou o da Galiza, León, Castela ou España —en función do momento histórico—", salienta Rodríguez.

Porén, a casa de Bragança desentendeuse do Couto Mixto en 1836, e 32 anos despois, coa sinatura do Tratado de Lisboa, extinguiuse definitivamente ao se integrar na Coroa española. "Naquela altura, o Couto era un territorio moi rico e dinámico, sobre todo pola produción de tabaco, e o Estado español tiña uns claros intereses para reclamar a súa soberanía de forma inxusta, xa que non se consultou aos mixtos", engade.

A súa historia esvaeceuse nas décadas seguintes por mor das ditaduras de Miguel Primo de Rivera e Francisco Franco. "A xente, mesmo os meus bisavós, tiña medo de reivindicar a memoria do Couto Mixto e dicía que era un mito, mais após a chamada Transición de 1978 o historiador Luis García Mañá recolleu testemuños orais para tratar de recuperalo a nivel cultural e histórico", di o portavoz deste colectivo.

Un territorio esquecido e empobrecido

No seu momento de maior esplendor, perto dun milleiro de persoas habitaron o Couto; porén, hoxe a súa poboación apenas chega ás 100 persoas. "Hoxe é un territorio esmorecido, como a meirande parte da Galiza rural, mais podería converterse no motor económico da raia seca", afirma.

Entre 2007 e 2008, o Congreso e o Parlamento galego aprobaron senllas proposicións non de lei para recoñecer historicamente o territorio, mais "quedou en nada coa chegada de Núñez Feixoo á Xunta, xa que non o trasladou en políticas reais".

Hoxe Iniciativa polo Couto Mixto quere continuar o seu legado e dotar o territorio dun goberno local propio "con competencias en economía, turismo, sector primario e mesmo nos eidos cultural, social e sanitario".

"Queremos demostrar que o Couto pode aportar un valor engadido á contorna. Termos poder de decisión sobre cuestións coma o inzamento de parques eólicos na serra do Xurés é esencial", di Rodríguez, quen tamén avoga por que a súa cidadanía poida atinxir tamén a nacionalidade portuguesa.

Comentarios