A Coruña aínda acolle 35 símbolos franquistas

A Coruña segue a ser capital da simboloxía franquista. De feito, aínda abeira 35 símbolos franquistas. O activista da memoria Manuel Monge, colaborador de Sermos Galiza, intervirá no escano cidadán do próximo pleno para pedir a súa retirada.

Campo da Rata
photo_camera Campo da Rata, lugar de homenaxe ás vítimas da represión

Aínda que pasaron xa nove anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, o Concello da Coruña segue a darlle abeiro a un total de 35 símbolos que teñen relación co franquismo. De feito, na entrada do palacio municipal de María Pita continúa o único escudo franquista –ilegal desde hai 35 anos- que existe nos edificios públicos da Coruña.

Aliás, o concello coruñés aínda conta cun retrato de José Calvo Sotelo, cunha rúa e un instituto co seu nome. Tamén segue a ostentar a mención de fillo adoptivo e fillo predilecto da Coruña. “Seis distincións que son un auténtico récord en todo o Estado”, sinala Manuel Monge, membro da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Comarca da Coruña.

Pola outra banda, o Goberno municipal da Coruña, se ben modificou nomes de rúas que homenaxeaban franquistas e retirou títulos e mencións a persoas relacionadas coa ditadura, aínda mantén distincións a Laureano López Rodó e a Manuel Fraga Iribarne, así como a rúa Cabo Ponte Anido, a rúa Disciplina e a rúa Diego Delicado Marañón.

Retratos de alcaldes

O activista da memoria, tamén colaborador de Sermos Galiza, afirma que “retirados xa os retratos dos alcaldes José Fuciños Gayoso e Hernán Martín-Barbadillo, aínda quedan por retirar os retratos de alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 e que xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura: Sergio Peñamaría de Llano, Eduardo Ozores Arraiz, José Pérez Ardá y López Valdivieso, Eduardo Sanjurjo de Carricarte”. Así mesmo, engade, habería que retirar os retratos de significados golpistas José Calvo Sotelo, Miguel Primo de Rivera, Severiano Martínez Anido e Mario Muslera y Planes.

Monge tamén cita o caso do CEIP Montel Touzet, queleva ese nome honrando tres irmáns militares que morreron combatendo no Exército sublevado en 1936 contra a democracia e a legalidade constitucional”.

Escano cidadán

Manuel Monge intervirá no próximo pleno municipal do 12 de setembro, cando ocupará o escano cidadán. Desde a sesión plenaria, o activista da memoria solicitará a retirada de toda a simboloxía franquista da cidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios