O Facho e Alexandre Bóveda presentan o 16N “Galiza 1968. A consciencia avivada” 

A Coruña recupera a memoria rebelde do 68 galego

O local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda acolle esta sexta feira 16 de novembro ás 20:30 h a presentación do volume Galiza 1968. A consciencia avivada, nun acto no que participarán María Xosé Bravo, presidenta de Alexandre Bóveda, e os coautores da publicación Pilar Allegue Aguete, Manuel Romero Labarta e Henrique Harguindey Banet.

2 (2)
photo_camera De esquerda a dereita: Francisco Graña, Juancho Vázquez, Henrique Harguindey, Manuel Romero Labarta e unha rapaza catalá de vacacións en Galiza autora da foto da faixa do primeiro Día da Patria Galega. [Arquivo particular de Juancho Vázquez].

Segundo sinalan as representantes da agrupación O Facho e da asociación Alexandre Bóveda, “a publicación convoca a unha viaxe pola Galiza que espertaba na noite franquista, recuperando a memoria da rebeldía dunha xeración. A reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun vizoso movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa, as protestas dos universitarios composteláns ou a aparición de Voces Ceibes son algúns dos temas dos que se ocupa o volume”.

A publicación editada por Sermos Galiza na colección “De Nos” recolle unha serie de traballos dalgúns dos protagonistas directos daqueles feitos, entre os que se atopan Pilar Allegue, Manuel Romero e Henrique Harguindey. Romero e Harguindey, na altura dous mozos que xa tiñan participado na fundación da agrupación cultural O Facho e que militaban na Unión do Pobo Galego, repasan o proceso de conformación do asociacionismo cultural galega e o papel destas entidades no espertar da conciencia galega, así como na creación dun novo estado de opinión sobre a nosa lingua e cultura.

O traballo de Manuel Romero e Henrique Harguindey explica o proceso de reorganización na clandestinidade das forzas políticas nacionalistas n´A Coruña. A fundación da UPG na cidade á volta de 1967 de mans de mozos como Juancho Vázquez, Xosé Vázquez “Pepe Ulloa” ou os propios Manuel Romero e Henrique Harguindey, a participación na organización do Día da Patria Galega de 1968, coa presenza dalgúns dos citados  e tamén Antón García e Paco Graña, e as primeiras detencións de militantes nacionalistas na localidade, como Juancho Vázquez e Manuel Romero, coincidindo co estado de excepción de 1969, son algúns dos aspectos recollidos na crónica. 

Comentarios