Corenta militantes das Irmandades foron asasinados polo franquismo

Dentro do Simposio das Irmandades que decorreu no Museo do Pobo, Xosé Ramón Ermida deu a coñecer os nomes dos 40 militantes das Irmandades que morreron a mans das hostes de Franco. 

Irmandades da Fala
photo_camera Imaxe dunha Irmandade de Monforte, na que podemos ver a Castelao e Otero Pedrayo, entre outros.

Ermida Meilán, autor do ensaio 'Mortos por amor á Terra' no que dá conta de todas as vítimas da represión franquista sobre o nacionalismo galego entre 1936 e 1950, presentou unha comunicación neste Simposio no que lle pon nome a todos os irmandiños vítimas da Ditadura, aproveitando o centenario das Irmandades e o 80 aniversario do alzamento fascista. 

Ermida cifra en 40 irmandiños asasinados, pero tamén 124 militantes que pasaron polas prisións, polos campos de concentración, polos batallóns de traballo, polos expedientes de depuración administrativa, polas sancións económicas, polas malleiras, polo desterro e tamén polo exilio. 

Encarcerados, entre outros, Ermida cita a Elvira Bao Maceiras, secretaria da Irmandade Feminina da Coruña, ao secretario da editorial Céltiga Fiz Álvarez do Castelo, ao alcalde de Ortigueira Alfredo Rebollar Martínez ou ao fundador das Irmandades Luís Peña Novo. Algúns foron vítimas das sancións económicas, foron o historiador Florentino López Cuevillas, a dirixente coruñesa Silvina Ruibal, o poeta Xoán Vidal Martínez ou o pintor Amando Suárez Couto.

A represión franquista acadou, segundo o autor, un mínimo de 164 militantes das Irmandades, o que supón o 21,9% do total. E os asasinados supoñen un 5,3% do total do censo.

A represión franquista acadou, segundo o autor, un mínimo de 164 militantes das Irmandades, o que supón o 21,9% do total. E os asasinados supoñen un 5,3% do total do censo coñecido polos historiadores. 

Eis os nomes das 40 vítimas: 

Na agrupacion da Coruña, a máis numerosa, eis os asasinados: Carlos Monasterio Valeiro, Xaquín Martín Martínez, Xenaro Ruano Sanxurxo, Xosé López López e Fernando Lago Portela. Nas terras das Mariñas, entre Sada e Betanzos, foron: Xoán Antón Suárez Picallo, Xil González Mosquera (quitouse a vida despois de recoñecer e levantar acta, como funcionario de xustiza, do cadáver de Picallo), Rafael Fernández Casas e Tomas López da Torre

A comarca de Ferrol sitúase á cabeza da represión contra a militancia irmandiña. Na cidade departamental perderon a vida Xaime Quintanilla González, Manuel Morgado González del Valle, Xoán García Niebla, Luís Pérez Carballa, Arturo Noguerol Buxán, Manuel Gómez Suárez e Isaac Forneiro Barandela

Na área de Compostela caen Ánxel Casal Gosenge, Camilo Díaz Baliño, Xoán Xesús González Fernández e Bernardo Mato Castro.

Na Mariña luguesa as vítimas foron César Parapar Sueiras, Xavier Soto Valenzuela, Avelino López Otero e Xosé María Díaz e Díaz Villamil.

En Ourense finan a mans franquistas Roberto Blanco Torres, Amadeo López Bello, Modesto López Teixeiro, Manuel Fuentes Canal e Antonio Domínguez Pérez. E na comarca de Valdeorras: Manuel Blanco Pascual, Domingo Cotarelo e Segundo García

En Pontevedra comarca serán asasinados Vítor Casas Rei, Alexandre Bóveda e Xosé Francisco Gómez de la Cueva, coñecido como Johán Carballeira. E en Vigo, onde a penetración das Irmandades -segundo o autor- foi limitada: Víctor Fraiz Villanueva e Apolinar Torres. E abatidos en Vigo pero naturais do Barbanza foron Xosé Antonio Lustres Rivas e Xosé Losada Castelao. Do Condado eran Xosé Domínguez e Enrique Peinador

Comentarios