O Consello da Cultura Galega organiza unha xornada sobre a figura de Martiño de Dumio

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta xornada ao redor da figura dun intelectual de primeiro nivel no período de conformación do reino dos suevos no territorio da antiga Gallaecia.
O rei Teodomiro cos bispos Lucrecio, André e Martiño (Foto: Nós Diario)
photo_camera O rei Teodomiro cos bispos Lucrecio, André e Martiño (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza esta terza feira unha xornada baixo o título 'Martiño de Dumio, o reino suevo e a cultura galega', que tamén poderá seguirse en directo a través da web corporativa e das redes sociais da institución.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta xornada ao redor da figura dun intelectual de primeiro nivel no período de conformación do reino dos suevos no territorio da antiga Gallaecia.

Con esta actividade, o Consello pretende explicar e pór en contexto as achegas de Martiño de Dumio na cultura do seu tempo, así como a gran difusión da súa obra na Europa medieval. Este impacto foi "recoñecido e incorporado á cultura galega contemporánea".

Tras a presentación, na cal tamén intervirá Manuel Gago, como coordinador da xornada, tomará a palabra o historiador Anselmo López Carreira, que abordará a formación do reino suevo en Galicia. José Carlos Sánchez Pardo, da USC, falará das conexións internacionais deste reino, e J. Eduardo López Pereira pronunciará a conferencia 'Cultura e pensamento na Gallaecia tardoantiga'.

A investigadora da Complutense de Madrid Laura Ranero Riestra falará na súa intervención da difusión do texto 'Formula vitae honestae' na Idade Media, e fechará a xornada o profesor e tradutor Xosé Antonio López Silva, que analizará a importancia de Martiño de Dumio e o seu impacto na cultura galega. Tras as intervencións terá lugar un debate entre os relatores e o público.

Esta xornada decorre tras a recente publicación por parte do Consello da Cultura Galega de 'Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia', que estivo coordinada por Manuel Gago.

O texto de Martiño de Dumio

Trátase dun compendio de ética natural que Martiño de Dumio escribiu por encargo do rei Miro, cara ao ano 570, e no que recolle algúns consellos para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou cultivar a humildade.

O texto, que está dispoñíbel para a súa descarga na web do CCG, acompáñase dunha serie de artigos contextualizadores asinados por diferentes expertos.

Comentarios