Alfonso Tellado presenta este xoves o libro "Antes de perdermos a memoria"

“As consecuencias sociais da falida reconversión están sen avaliar na súa totalidade”

Alfonso Tellado (Ferrol, 1949) é unha das testemuñas privilexiadas do devalo do sector naval na ría de Ferrol. Traballador da Bazán, posteriormente reconvertida en Izar e, agora, en Navantia, Tellado viviu en primeira persoa as negociacións das sucesivas reconversións ou, nos termos que el mesmo emprega, do desmantelamento dunha actividade estratéxica e vital para a comarca de Ferrolterra. Esta quinta feira, da man de Edicións Embora, presenta o libro Antes de perdermos a memoria, unha crónica persoal e colectiva das últimas décadas.

2019020212520099009
photo_camera [Imaxe: Kiko Delgado] Alfonso Tellado

De que trata Antes de perdemos a memoria?

Trata das persoas, daquelas que se esforzaron en mellorar a vida dos demais en tempos máis difíciles e que non pasarán á historia. Todas elas pasaron pola miña vida. Compartín coa maioría delas a etapa que nos tocou vivir; outras foron un exemplo de decencia e compromiso coas que teño unha débeda imposíbel de pagar.

Que o levou a escribilo?

Vivimos tempos nos que se aúpan ao poder persoas que o primeiro que fan é negar e terxiversar a historia. Non me refiro ás organizacións que patrocinan o negacionismo para xustificar os seus postulados, que tamén. Refírome máis que nada ao máis próximo, á realidade que nos rodea. Parece como se “inventasen” o máis elemental. Todas as supostas novidades practicámolas na Bazán hai máis de corenta anos. Outra das motivacións é poñer en valor os movementos sociais nos que participamos unha serie de persoas daquela e que aínda agora serían verdadeiramente revolucionarias e que, por diferentes motivos, se preocuparon de eliminar. En resumo, unha historia colectiva contada “de carretilla” que non posúe ningún rigor histórico. Como os nosos netos e as nosas netas non coñecerán a través da escola acontecementos vividos polos seus avós e avoas, cando menos para eles e elas poderá ser útil este relato. Se así fose, morrerei de éxito.

Como viviu o proceso da reconversión en Ferrol desde os primeiros episodios? Pensaban os traballadores naquela altura que era posíbel unha reindustrialización?

O chamado “proceso de reconversión” tivo desde sempre unha fronte feble, xa que viña da man do PSOE e, dentro das empresas, da UXT. Iso axudou a debilitar unha fronte con CCOO e o que hoxe é a CIG loitando en contra. Noutros estaleiros do Estado español, a situación semellábase a esta. Aínda por riba, a palabra máxica “reindustrialización” aínda tiña contido teórico. Que se os traballadores criamos se era posíbel a reindustrialización? Eu creo que non porque no fondo xa callaba o que se pregonaba desde o nacionalismo.

Cre que foi acertada a política dos diferentes Gobernos do Estado nestes máis de 30 anos?

Que política? Como xa pasaron suficientes anos, unhas cantas referencias axudarán a ilustrar esas políticas. Xa desde o chamado proceso de reconversión “salvamos Ferrol” un cento de veces. Botando unha ollada ás cabeceiras das manifestacións que durante anos se levaron a cabo en Ferrol, ninguén podería visualizar quen se lle reclamaba. Estaban todos en todas as ocasións. En 1991 a crise apertaba, como consecuencia do fracaso da sempre pretendida e anunciada diversificación industrial, termo utilizado durante anos como consecuencia do abandono consciente da construción naval, e sucedéronse xornadas de debate, manifestacións públicas, posicionamentos nos plenos etc. Se cadra unha das “importantes” ás que asistín foron as xornadas “Ferrol, un proxecto de futuro”, entre febreiro e abril de 1991, sendo alcalde de Ferrol Manuel Couce Pereiro, do PSOE. Aquela corporación, seguro que preocupada polas consecuencias que a política dos seus proprios partidos estaba provocando na comarca, someteu a debate a problemática local coa participación municipal de coñecidos líderes do PSOE, Fernando Miramontes, do PCE, ou Nona Inés Vilariño, concelleira de Cultura e ex deputada no Congreso pola UCD. Con relatores de moito nivel sacáronse conclusións recollidas nun amplo texto que pasou a formar parte dos andeis, iso que segundo un dos principais intervintes se prognosticaba que “habrá que rediseñar el papel de los astilleros en Ferrol, pero sería nefasto seguir pensando que esta ciudad tiene que vivir siempre de los astilleros…”  (páxina 197), sen provocar nin tan sequera reacción alguna.

Un pouco máis adiante, en 1994, o BNG presenta “Ferrolterra, unha vía de futuro”, reivindicando o mantemento do modelo económico tradicional de Ferrolterra, como unha das principais conclusións, dentro dun amplo estudo de análise da situación. O BNG non chegou a ter responsabilidade política en Ferrol até 1999 con Xaime Bello como alcalde e no Parlamento galego até 2005. A Unión de Empresarios de Ferrol e Comarca, como non podía ser menos, presentou á Xunta de Galiza a súa proposta de Plan Estratéxico, que chamaron “Ferrol Metrópoli 22”. Ese Plan que, segundo as organizacións empresariais de Ferrol e comarca, pretendía aglutinar todos os sectores da urbe e da comarc, nunha fronte común para saír da crise. Estamos en abril de 1996. Tamén, como non, tivo o respaldo da Xunta, do presidente Fraga e do Goberno central. Constituíron unha Fundación chamada Ferrol Metrópoli, definida como foro de ideas e actividades para o desenvolvemento da comarca. Viviu catorce anos de subvencións públicas, entrando en liquidación cunha débeda de 900.000 euros. Canalizaron durante anos axudas do Ministerio de Industria para a reindustrialización.

Por se fosen poucas as ocasións nas que supostamente pretendían a reindustrialización de Ferrol, como consecuencia do dano causado pola falida reconversión naval, en abril de 1997, Manuel Fraga, presidente da Xunta; Josep Piqué, ministro de Industria e Enerxía; Augusto César Lendoiro, presidente da Deputación da Coruña, e Juan Blanco Rouco, alcalde de Ferrol, asinaban un protocolo de colaboración entre as entidades que representaban para a “Industrialización de Ferrol e a súa área de influencia”. O texto, presentado aos sindicatos, remarcaba as necesidades que se querían paliar e até me produce certo desacougo lembrar unha vez máis como enganaron toda a cidadanía con propostas baleiras co único fin de xustificarse politicamente. Poderiamos referenciar algunha máis das manobras de entretemento ás que fomos sometidos. Mentres, a poboación diminuía e os traballadores e traballadoras máis formados marchaban de Ferrolterra para conquirir traballo noutras latitudes.

Por que cre que fracasou a reindustrialización en Ferrolterra? E, no reparto de responsabilidades, que parte lle atribuiría ao Goberno, ao empresariado e aos axentes sociais?

A reindustrialización non fracasou porque nunca fora pretendida. Os plans de choque para Ferrol eran os mesmos que para calquera outra comarca no Estado español. De non contar cun plan específico para resolver en concreto as consecuencias do desmantelamento industrial en Ferrolterra, os plans xenéricos sen aposta política concreta non servirían de nada. Aínda por riba do engano ano tras ano, sen contar a verdadeira situación do peche e redución de capacidade como consecuencia dos compromisos da Unión Europea, a tomadura de pelo foi (e está sendo a pesares do tempo transcurrido) case cómica: unha fábrica de vidro, unha fábrica de discos duros, etc. E todo pola falla de peso político na Galiza e no Estado. Eu non son quen para delimitar as diferentes responsabilidades, porque dun xeito ou outro todos e todas temos algunha. Ademais, non somentes non se reindustrializou, senón que á sombra do “gran problema” seguiron desmantelando o pouco que quedaba. A Fábrica de Turbinas de Bazán, por exemplo. Ou o “trasvase de capacidade” de Ferrol aos estaleiros do sur, co beneplácito da esquerda política e sindical.

Que supuxo o veto de 2004 e cal e o resultado catro anos despois do seu remate?

O feche de Astano e a redución de capacidade como consecuencia dos acordos de integración na Unión Europea tivo para a nosa comarca un importante impacto negativo a estas alturas tan evidente que ninguén se atreverá a cuestionalo. Porén, que fosen capaces de enganar, primeiro cunha prometida “reconversión” e, xa rematado o “veto”, transformando a factoría da antiga Astano nunha área de montaxe para Iberdrola, tamén ten moito que ver coa falla de capacidade política e sindical dos partidos e sindicatos representativos da cidadanía desta terra. A Xunta nunca exerceu de defensora dos nosos recursos e a falla de soberanía e a febleza das nosas organizacións propias posibilitan a situación que estamos a padecer.

Como valora o plan estratéxico que vai prexubilar máis dun milleiro de traballadores nos vindeiros tres anos?

Cando desde a CIG propuxemos e defendemos hai uns cantos anos a creación dun complexo industrial na Ría de Ferrol sumando as capacidades dos dous estaleiros para poder facerlle frente aos retos que se aveciñaban, todo o mundo mirou para outro lado, e mira por onde, “inventaron” anos máis tarde a fusión dos estaleiros para ralentizar todo o posíbel o descalabro que viría despois. Tal cal o da “ra escaldada”. Seguen os gobernos do PP e PSOE empeñados e manter un complexo militar industrial eliminando ademais todas as referencias á construción civil, bens de equipo, turbinas etc. Estamos diante dunha aposta por situar o que foi a Bazán nun referente mundial para a construción de unidades militares. Xa se fala dunha cuarta revolución industrial pero as necesidades serán outras para conquerir ese estaleiro 4.0, isto é, infraestrutura dixital, robótica, elaboración de pezas en 3D, e un longo etcétera que, de momento, está sendo utilizada para reducir a capacidade, unha vez máis, coa saída de mil traballadores que xa cotizaron máis de corenta anos ao sistema público de pensións e, novamente xa como un clásico, cun compromiso de reposición dificilmente críbel, xa que tampouco disimulan que, sendo as esixencias moi diferentes, a forza de traballo quedará resolta con subcontratación á medida das novas leis que no seu día foron “Estatuto dos Traballadores”. 

Que consecuencias sociais trouxo consigo a reconversión?

As consecuencias sociais da falida reconversión están sen avaliar na súa totalidade. Cada día deteriorámonos un pouco. E sen reaccionar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios