Ao ser unha PNL, o Goberno non está obrigado a facelo

O Congreso pide retirar os restos mortais de Franco e Primo de Rivera do Val dos Caídos

O Congreso español aprobou esta quinta feira unha iniciativa sen forza de lei -unha PNL- através da cal insta o Goberno Rajoy a que retire os restos mortais dos ditadores Francisco Franco e Miguel Primo de Rivera do Val dos Caídos. É unha declaración puramente política e nada indica que o Executivo a vaia poñer en práctica. A iniciativa recebeu 199 votos a favor, 1 en contra e 140 abstencións (PP e ERC).

Screen Shot 2017-05-11 at 13.42.33
photo_camera A bancada socialista, xusto antes de votar a PNL

Unha proposición non de lei é unha declaración política que na teoría impulsa a acción do goberno nunha dirección concreta. Mais non ten forza legal (non é unha proposición de lei) e, portanto, o Goberno Rajoy pode facerlle caso ou non. Está claro que neste caso non llo fará.

Con todo, é rechamante que o PP non votase en contra da iniciativa, senón que se abstivese, o que indica que o partido de Rajoy está a se mover nun asunto tan delicado para as súas bases eleitorais máis extremistas como a memoria histórica. A presión que recebe polo flanco direito por un Cs máis libre de hipotecas do pasado ha de ter que ver con este movimento. A formación liderada por Albert Rivera si votou a prol da iniciativa.

ERC tamén se inclinou pola abstención, mais por motivos distintos aos de PP. O partido independentista pedía que se considerase o presidente da Generalitat Lluis Companys -fusilado polas forzas franquistas en 1940 no castelo de Montjuic- como unha personalidade anti-fascista. Demandaban tamén unha nova Lei de Memoria Histórica. Ao non aceitar o PSOE as súas emendas (en realidade, o grupo parlamentar socialista rexeitou todas as que se lle apresentaron), ERC acabou optando pola abstención.

A PNL si contempla a revitalización da Lei de Memoria Histórica, un texto legal da época Zapatero torpedeado por Rajoy desde que aterrou na Moncloa.

Comentarios