Coñeces a 'Danza do abellón'? Eis a tradición para velar os falecidos en varios concellos da Galiza

Existen numerosos testemuños deste rito funerario.
Ilustración sobre a Danza do Abellón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ilustración sobre a Danza do Abellón. (Foto: Nós Diario)

O escritor e político galego Alfredo Brañas foi o primeiro en documentar a finais do século XIX a 'Danza do abellón', nun poema que gañou un accésit dun certame literario en 1894. A composición foi publicada en O Tío Marcos d’a Portela e no semanario Revista Gallega en 1900, con motivo do pasamento de Brañas.

O autor viviu en primeira persoa esta experiencia durante un velorio no que participou en Vilanova de Arousa. Mais... en que consiste a 'Danza do abellón'?

Trátase dun antigo rito funerario, moi común nos concellos rurais da Galiza, durante o que os familiares e asistentes ao velorio dun falecido ou falecida xiraban ao seu redor agarrados das mans mentres emitían o mesmo son zoante que as abellas.

A 'Danza do abellón' contaba cunhas regras moi simples, pero que a vez debían ser cumpridas escrupulosamente. Así, os participantes no ritual non podían soltarse, falar ou deixar de zoar, xa que crían que a primeira das persoas que o interrompese antes de rematar sería a primeira das presentes no velorio en falecer.

Neste sentido, ten certas semellanzas con ritos de purificación dos cadáveres que os pobos indoeuropeos levaban a cabo para evitar que a morte afectase outros integrantes da familia do falecido ou persoas achegadas ao defunto.

Testemuños por toda a Galiza

Até a década de 1930 era moi común que se celebrasen 'Danzas do abellón' en moitos concellos do país. Non só en zonas eminentemente rurais da Galiza, senón que existen testemuños deste rito en varias parroquias de Vigo.

Non é o único lugar no que se poden atopar rexistros. Segundo o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, a danza deu lugar en Cambados á expresión “ir ao abellón", que significaría o mesmo que “ir ao velorio”. O propio dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG) dá como sinónimos velorio e abellón.

Tamén no cinema se representa a 'Danza do abellón'. O director Pedro María Olea Retolaza, nado en Bilbao, rodou en 1970 a longametraxe O bosque do lobo, baseada nos crimes de Manuel Blanco Romasanta e na que pode verse este rito funerario nunha das escenas do filme.

Comentarios