Concentración este domingo na Casa Cornide para esixir aos Franco a devolución do inmóbel

Protesta convocada por Defensa do Común e apoiada por veciños da cidade vella.

Imaxe dunha marcha cívica para exixir a devolución da Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Imaxe dunha marcha cívica para exixir a devolución da Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Defensa  do Común mantén, a pesar das restricións sanitarias derivadas da Covid-19, a concentración do domingo 27 de decembro ás 12:30  horas fronte á Casa Cornide, na Coruña, para esixirlle á familia Franco, actual propietaria do inmóbel, a súa devolución ao Concello

.A manifestación, baixo o lema 'A Casa Cornide  é da Coruña. Devolución  xa', será apoiada pola asociación de veciños da cidade vella. Ademais, ao final do acto intervirán o xornalista e escritor Manuel Rivas e o arqueólogo e ex director do Castelo de San Antón e "profundo coñecedor do patrimonio histórico-arquitectónico de Galiza", Felipe Senén.

Tal e como explicou a asociación nun comunicado, a Xunta Directiva de Defensa  do Común tomou a decisión de manter a concentración tras as advertencias formuladas a principios de semana por veciños da cidade vella, así como polo propio Bloque Nacionalista Galego (BNG), sobre a presenza no inmóbel de "varias furgonetas que procedían a retirar diversos obxectos do seu interior".

A asociación destacou que estes indicios foron confirmados posterior e " presencialmente" por membros da Xunta Directiva. Unha ratificación que se suma ás fotografías achegadas polo BNG nas que se ve a unha furgoneta branca saíndo do edificio.

"A familia Franco non ignora que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) dificulta a venda do inmóbel, así como a prohibición de retirar calquera obxecto sen a previa autorización", lembrou Defensa  do Común, que considera "imprescindíbel" que se impida calquera intento de retirada de elementos do interior da casa mentres non finalicen os trámites do BIC.

Neste sentido, a asociación apoiouse no informe remitido pola Universidade da Coruña (UDC), que consideraron "clarificador", e polo que a entidade conclúe que "os procesos de permuta, poxa e venda" da Casa Cornide foron "ilegais".

Comentarios