O Concello de Sada e a Xunta intentan adiar a saída dos bens de Meirás

Ambas institucións realizaron movementos para intentar gañar tempo na procura dunha estratexia que impida aos Franco levar elementos que consideran do pobo. A familia do ditador xa anunciara a súa intención de retirar mesmo as estatuas de Abraham e Isaac, do Mestre Mateo, consideradas BIC. Estas últimas protagonizan unha campaña nas redes.
Busto do ditador, que presidiu a entrega de chaves á Avogacía do Estado en Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Busto do ditador, que presidiu a entrega de chaves á Avogacía do Estado en Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Á mobilización cidadá únese agora a actuación administrativa para impedir que os Franco leven os bens que están no interior do pazo de Meirás, tal e como lles permite unha sentenza xudicial da Audiencia Provincial da Coruña.

O Concello de Sada anunciou a presentación de dous escritos ante o xulgado como estratexia para adiar a retirada, que os achegados do ditador pediron que fora urxente.

No primeiro dos documentos interponse un “incidente de execución” e alégase a “indispoñibilidade de retirada de determinados bens mobles”, cuestión sobre a que se pide  unha nova resolución. Desde o punto de vista do Consistorio, eses obxectos forman parte indivisíbel do complexo.

“A sentenza considerou que o Estado ostentou a súa condición de dono, para todos os efectos, desde 1938 ata a morte do ditador, o que estende a posesión non só ao inmoble (continente) senón aos bens mobles (contido)", destaca o texto.

O segundo documento é un recurso de reposición polo prazo que se lle deu á familia, que é dun mes. Agora queda agardar resposta da Audiencia.

En todo caso, despois de que o Parlamento pedira acción á Xunta, esta presentou un recurso de reposición contra a decisión do mesmo xulgado, o de Primeira Instancia número 1 da Coruña. Para ir por esta vía argumentan que a dilixencia “socava as competencias públicas de protección do patrimonio cultural da Galiza”.

Sen especificar

"Ao non especificar de maneira explícita que a retirada de bens de interese cultural precisa a preceptiva autorización administrativa da Xunta", engade. Fontes da Consellaría de Cultura indican que esta estratexia ten como meta “protexer e defender o patrimonio dos galegos”.

As mesmas aclaran que se aposta “pola unidade entre as administracións, axustándose ao Estado de Dereito e dando pasos firmes con aval xurídico". Así inténtase adiar o proceso ou impedilo de todo, xa sexa con estes movementos ou buscando novos argumentos legais.

A principal preocupación está nas estatuas do Mestre Mateo e os centos de volumes que garda a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, “con protección de Ben de Interese Cultural (BIC)”, á que os Franco queren facer caso omiso.

Ademais, no seu recurso de reposición, a Avogacía do Estado argumenta que o prazo de retirada de bens dado aos Franco fíxose "sen dar traslado a esta parte do escrito presentado pola contraparte  a efectos de poder formular alegacións sobre a devandita petición e sobre as concretas condicións en que deba efectuarse a retirada dos bens solicitada".

Protestas da sociedade civil

Mentres se resolven todas estas accións, a sociedade civil continúa organizándose. Se hai uns días Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) convocaba unha concentración nacional para o 19 de xuño en protesta pola “rapina” da familia do ditador, agora é a Asociación O Sorriso de Daniel a que impulsa un meme a través das redes sociais.

Na imaxe poden verse as figuras de Abraham e Isaac coa palabra “Libertad” e a lenda “Los profetas no quieren que los lleven a Madrid”. A petición a prol de que as obras do Mestre Mateo fiquen en mans do pobo vai en aumento.

Comentarios