O Concello da Coruña ten desde hai ano e medio un informe que aconsella retirar as honras a Barrié de la Maza e a Alfonso Molina

Desde hai ano e medio, o Goberno municipal da Coruña ten no seu poder un informe encargado ao Instituto Cornide que aconsella retirar as honras e distincións a Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza, entre outros. Neste período de tempo, non houbo actuación municipal ningunha ao respecto.

Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza e Francisco Franco (Imaxe: Galicia Única)
photo_camera Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza e Francisco Franco (Imaxe: Galicia Única)

O Instituto José Cornide de Estudos coruñeses elaborou, a petición do Concello da Coruña, un informe no que se recomenda retirar as honras e distincións a, entre outros, Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza, en aplicación da Lei de memoria histórica.

O documento obra no poder do Goberno municipal desde hai ano e medio, segundo informa esta sexta feira Radio Coruña, sen que conste ningunha actuación do Executivo para cumprir as recomendacións do estudo.

O informe do grupo de memoria propón a retirada de retratos e estatuas de até 14 personalidades vinculadas co franquismo que colaboraron co golpe de Estado e coa represión na cidade. O Instituto propón que os monumentos se trasladen a un futuro museo da memoria da Coruña.

A quen afecta?

Ademais de a Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza, o informe recolle a Calvo Sotelo; o que fora presidente da Deputación, Diego Delicado; o director do Museo do Prado e da Real Academia de Belas Artes, Fernando Álvarez de Sotomayor; o presidente do Colexio de Avogados Benito Blanco-Rajoy e o xeneral Ambrosio Feijoo Pardiñas.

Así mesmo, inclúe alcaldes franquistas como José Pérez Ardá, Eduardo Sanjurjo de Carricacrte e Enrique Salgado Torres, así como o cabo Antonio Ponche Anido, José Fariña Ferreño e Eduardo Ozores Arraiz.

O PSOE votou en contra de retirar a rúa a Peñamaría de Llano malia estar incluído no informe

Entre as personalidades recollidas destaca o nome de Sergio Peñamaría de Llano. Precisamente, a semana pasada o PSOE e o PP unían os seus votos no Pleno da Corporación Municipal para tombar unha moción presentada polo BNG, a instancias do movemento memorialístico e veciñal, así como do Concello do Barco, para lle retirar a rúa ao franquista.

O informe, segundo a Cadena Ser, foi elaborado tras o acordo unánime do Consello da Memoria Democrática na sesión decorrida o 27 de novembro de 2019 que foi presidida pola alcaldesa, Inés Rei.

Para coordinar o grupo de traballo, o instituto propuxo a historiadora Ana Romero, que elaborou o estudo xunto aos historiadores Luís Lamela e Segundo Saavedra.

Na mañá da sexta feira, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, acusaba o Goberno de Inés de Rei de "ocultar" o informe encargado para "evitar a retirada de honras a personalidades franquistas".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios