Díaz Cabanela era, en 1972, unha rapaza de 15 anos que cursaba quinto de Bacharelato. A súa implicación en acitvidades culturais e de protesta levouna a ser expedientada e expulsada do Instituto de Monelos, na Coruña. De alí pasou ao centro de Zalaeta, onde continuo a súa loita pola democracia e a igualdade.
“Neses meses foi detida máis de sete veces, Era arrestada pola Policía e incomunicada en comisaría 72 horas, o máximo permitido”, relata a Comisión nunha nota remitida aos medios de comunicación, “o pero era cando a levaban para interrogala onde estaban os policías. Dicíanlle todo tipo de insultos vexatorios e machistas, querían que declarase quen eran os seus camaradas”.
En 1974, a Policía levouna do instituto, directamente á cadea. Alí foi a única presa política. Saíu, e ao ano seguinte volvérona apresar durante dous meses. En ambas as dúas ocasións, a escusa era a presunta notificación dunha multa que non pagara e que, en realidade, nunca recibira. A causa dos expedientes, cando foi liberada non puido continuar os estudos e comezou a traballar.
Só despois da Lei de Amnistía de 1977 rematou o Bacharelato e Graduado Social. Díaz Cabanela abandonou o Partido Comunista -ao que tamén pertencían os seus irmáns- despois do 23F, por non chamar a organización a parar o golpe na rúa. Na actualidade, preside a Asociación Antisida. “Crúzase todos os días na piscina cun dos que a detiveron e insultaron na comisaría”, conclúe a nota.