Serxio Balchada investiga a loita galega contra o fascismo en Euskadi

Serxio Balchada: "A comunidade galega en Euskadi combateu os franquistas desde o primeiro momento"

Serxio Balchada leva moitos anos investigando a actuación da comunidade galega na resistencia ao fascismo en Euskadi. Nesta cuarta feira presenta en Marín Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937, unha obra publicada pola Deputación de Pontevedra.

O escritor Serxio Balchada co seu libro 'Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937'.
photo_camera O escritor Serxio Balchada co seu libro 'Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937'. (Foto: Nós Diario).

Como definiría politicamente a comunidade galega asentada en Euskadi durante a II República?

Trátase en xeral dunha comunidade consciente social e politicamente. Un bo exemplo témolo na quinta provincia galega, o barrio  de Trintxerpe, no concello de Pasaia, Gipuzkoa, coñecido entre a "sociedade ben" donostiarra como a "meca do soviet". En Pasaia triunfan as teses revolucionarias da CNT e os mariñeiros galegos son quen de fundar o Sindicato de industria pesqueira e os seus derivados 'El Avance Marino'.

Desde maio de 1936 até o comezo da guerra van manter unha folga indefinida con grande esforzo para obter unhas novas bases de traballo necesarias para unha mellor calidade de vida dos traballadores e condicións laborais xustas.

Porén, se botamos os ollos cara á marxe esquerda da ría de Bilbo e a zona mineira vemos que as teses socialistas ou comunistas acollen moitos traballadores galegos asentados na bisbarra.

Cal foi a resposta das galegas e galegos que residían en Euskadi ao golpe de Estado de 1936?

Desde o primeiro intre a comunidade galega bótase á rúa para combater os sublevados. Montan postos de control en lugares estratéxicos e patrullas armadas. A súa actuación foi crucial para que Donostia non caese en mans fascistas nos primeiros compases.

Protagonizaron nas rúas duros combates, destacando os desenrolados no barrio de Amara onde se fan fortes e conseguen manter en xaque as tropas do cuartel de Loyola. Logo de manter a cidade do lado da República podemos atopar milicianos galegos facendo fronte ás columnas de requetés navarros en Oiartzun ou Errenteria.

Destacar tamén a figura do pontevedrés José Echeverria Novoa, gobernador civil de Bizkaia. O seu decidido comportamento desbarata a trama golpista en Bilbo xestada nos cuarteis de Garellano. Foi quen de proporcionar armas ao pobo e organizar as primeiras columnas de milicianos que van facer fronte aos fascistas na raia con Araba, que practicamente estaba en mans dos fascistas.

A modo de anécdota cabería sinalar, segundo conta o mesmo Novoa nas súas memorias, que o pontevedrés puido ser o primeiro lehendakari. Declinou o ofrecemento ao entender que debía ser un vasco e non un galego quen se ocupase de dirixir o primeiro Goberno vasco.

Que destacaría da participación dos galegos nas  unidades militares formadas en Euskadi para combater o fascismo e do Batallón Celta?

A súa implicación nos primeiros días na defensa da legalidade republicana. Integran voluntariamente as centurias de milicianos que combaten en Gipuzkoa e nos límites de Bizkaia con Araba.

Por outra parte, os batallóns onde maioritariamente teño localizado un maior número de galegos entre as súas ringleiras estiveron metidos de cheo en todos os "fregados".

Quero dicir, que as unidades como a CNT nº 1 Bakunin e a CNT nº 6 Celta combateron nalgunhas das batallas máis importantes en chan euskaldún. E alí deixaron a pel moitos dos nosos paisanos: a toma do monte San Pedro en decembro de 1936 coa participación do Bakunin ou  a defensa e contraataques do batallón Celta en abril do 37 no monte Krutzeta e Penas de Arangio. 90% dos membros do Batallón Celta da CNT naceran na Galiza .

Un gudari do batallón Eusko Indarra testemuña como deberon ocupar unhas trincheiras inzadas de cadáveres dos anarquistas galegos.

Tamén cabería destacar os mariñeiros que serviron na Mariña Auxiliar de Euskadi. O día 5 de marzo de 1937 acontece a  batalla do cabo Matxitxako (Bizkaia). En loita desigual o bou Nabarra enfrontou o cruceiro Canarias. Deixaron a vida nesta xesta galegos como o pontevedrés Antonio Álvarez Domínguez e o mugardés Francisco Fernández García, coñecido como 'O Cubano'.

Comentarios