A Comisión Europea advirte ao PP que xustificar ou non condenar o fascismo é delito

Europa advirte ao PP español e lémbralle que a xustificación ou trivialización dos crimes do fascismo “deben ser sancionados penalmente”. Lembra que os gobernos teñen que investigar os episodios de negación da represión e advirte de que a fins do próximo ano a Comisión Europea terá competencias para sancionar aos estados que non penalicen o fascismo. 

[Imaxe Xosé Salgado]
photo_camera [Imaxe Xosé Salgado]

Á Europa non lle gustan que os actos de ostentación do fascismo queden impunes no Estado español nin as reticencias do PP á hora de condenar o fascismo. A eurocomisaria de Xustiza, Viviane Reading respondeu que “a exculpación, negación ou trivialización flagrante, intencionada e pública dos crimes cometidos por réximes totalitarios deben ser sancionados penalmente” a unha pregunta, con retraso e abafada xa polos últimos episodios, realizada por BNG, CIU, ICV, e PNV.

Europa fai pública a resposta á pregunta formulada no seu momento polos eurodeputados Ramón Tremosa e Salvador Sedó de CIU, Raúl Romeva de ICV, Izakun Bilbao de PNV e Ana Miranda do BNG e lémbralle ao PP español que “todos os estados membros da UE está obrigados a sancionar penalmente a incitación pública e intencionada á violencia e o odio contra grupos ou persoas pola súa raza, cor, relixión, ascendencia ou orixe nacional ou étnico”. 

Sanción de Europa e importancia da memoria 

Reding sinala que é responsabilidade das “autoridades públicas, os partidos políticos e a sociedade civil condenar enerxicamente os comportamentos racistas e xenófobos e loitar contra eles” e os gobernos teñen que investigar os episodios de “incitación ao odio ou de negación do holocausto e xulgar a quen os realice”. A Comisión Europea advirte tamén que a partir do próximo 1 de decembro de 2014, a Comisión Europea terá xa competencias para sancionar aos estados que non penalicen o fascismo. 

Reding, responsábel tamén de dereitos Fundamentais e Cidadanía, destacou a especial relevancia de recuperar a memoria dos crimes cometidos polos réximes totalitarios. 

Os eurodeputados cataláns levaran tamén a Bruselas o programa de Telemadrid que comparaba a Mas con Hitler e Stalin ademais da semellanza que o director do Mundo, Pedro J.Ramírez fixera do Nou Camp co mosaico estrelado co estadio nazi de Berlín de 1936. Casos recentes como a ostentación de simboloxía franquista por parte de membros do PP, a homenaxe a combatentes da División Azul vestidos co traxe de Falanxe ou o propio do alcalde de Baralla terían conducido á eurodeputada de Xustiza a asinar agora a súa resposta. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios