O coleccionábel dos reis e as raíñas chega ao ecuador cunha grande acollida

Publicáronse 17 fascículos e podcast sobre a monarquía galega.
Números do coleccionábel 'Os reis e as raíñas da Galiza'. (Foto: Arxina)
photo_camera Números do coleccionábel publicados até o de agora. (Foto: Arxina)

O pasado 1 de setembro estreouse o proxecto Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, promovido por Sermos Galiza S.A. ao abeiro do certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22" convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

A empresa editora de Nós Diario pretende con esta iniciativa, coordinada polos investigadores Héitor Picallo Fontes, Xosé Ramón Ermida Meilán e Alexandre Peres Vigo, pór en valor un período da historia do país que non resulta o suficientemente coñecido para a poboación. 

Sermos Galiza S.A. dá a coñecer as figuras de 40 monarcas do antigo reino galego a través dunha proposta multidisciplinar, que percorre as dinastías rexias que gobernaron na Galiza entre o ano 409 e finais do século XV, mediante catro liñas de accións diferentes: un coleccionábel, un podcast, un banco de datos e oito rutas culturais.

O coleccionábel chegou esta semana ao seu ecuador. Son xa 17 os números publicados entre as terzas e sextas feiras do mes de setembro. Neles repasouse a  biografía dos primeiros reis e raíñas da Galiza, a comezar por Hermerico, fundador do reino. 

En total, serán 34 os fascículos que chegarán ás rúas até finais de outubro. Ao remate dos mesmos, as persoas interesadas poderán reunir nun cartafol as 136 páxinas. As subscritoras poderán obtelo de balde, enviando un correo a [email protected] antes do 30 de setembro. As persoas non subscritoras poderán encargalo, por 7 euros, nos quioscos até o 7 de outubro.

17 'podcast' publicados

Ao tempo que os números do coleccionábel son publicados en papel e na versión dixital de Nós Diario para as persoas subscritoras, Sermos Galiza S.A. saca en formato podcast unha versión con información complementaria de cada fascículo, dispoñíbel tanto na páxina web do xornal como na plataforma de contidos iVoox. Ao igual que o coleccionábel, serán 34 os capítulos do podcast publicados ao remate de outubro.

Grande acollida

A iniciativa promovida por Sermos Galiza S.A. está a contar cunha gran acollida entre as persoas lectoras e subscritoras de Nós Diario, que agradecen o labor de difusión e promoción dunha etapa histórica do país.
Outro dos aspectos destacado por subscritoras e lectoras do xornal é que Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu está a ser un proxecto desenvolto con perspectiva de xénero, un elemento transversal na totalidade dos contidos.

Os 34 números do coleccionábel e os capítulos do podcast afondarán nas biografías de 17 raíñas galegas, estudando o seu papel no reino da Galiza. O proxecto contempla a elaboración dun banco de datos dixital con información complementaria á publicada nos cadernos e nos podcast, ademais de oito rutas culturais en Compostela, Cambre, A Coruña, Culleredo, Betanzos e Pontedeume.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios