Clamor contra a impunidade e pola penalización da apoloxía do franquismo

Arredor de cincocentas persoas reclamaron en Montecubeiro o fin da impunidade e a penalización da apoloxía do franquismo. A só uns vinte quilómetros de Baralla, a homenaxe ás vítimas do franquismo clamou tamén pola xustiza coa súa memoria. 

Acto da memoria en Montecubeiro
photo_camera Acto da memoria en Montecubeiro

Convocadas pola Iniciativa Galega pola Memoria, arredor de cincocentas persoas se deron cita na parroquia de Montecubeiro, no Concello de Castroverde, co fin de homenaxear ás vítimas do franquismo, á memoria que atacou, entre outros, o alcalde do concello viciño de Baralla cando afirmou que as persoas que foran masacradas “sería porque o merecían”. 

Quen asistiu ao acto de Montecubeiro quería tamén deixar claro ao rexedor que os quince nomes que se escribiron na grande pedra ao pé do que se celebrou o acto e os milleiros de persoas asasinadas, perseguidas, exiliadas, presas ou marxinadas non merecían nada do que lle aconteceu e si seren lembradas con dignidade e facer xustiza coa súa memoria. De xustiza falou o responsábel da área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro ao reclamar o fin da impunidade para quen exerceu a represión durante o franquismo e o fin da lei de punto final que deixou en liberdade sen cargos aos responsábeis da masacre.  Declaracións como as do alcalde de Baralla só son posíbeis, segundo dixo, por non ter resolto a penalización do franquismo. Coma el, o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias lembrou a viciños e veciñas masacradas e mostrou a vontade de que Montecubeiro sexa un espazo para a memoria.

O novo secretario xeral do PsdG-PSOE e presidente da deputación de Lugo, Gómez Besteiro lembrou eu o PP foi a única organización que bloqueou a posibilidade dunha lexislación que sancionara a quen fai apoloxía do franquismo ademais da necesidade de lembrar ás vítimas. 

Representantes de asociacións pola recuperación da memoria histórica participaron na convocatori á que tamén aistiu o voceiro do BNG, Xavier Vence e a de EU, Yolanda Díaz. 

Memoria necesaria, xustiza tamén

Sobriño de Carme Sarille, unha das mozas asasinadas en Montecubeiro, fillo de Manuel Sarille, que levou toda a vida desenvolvendo un intenso labor para que non se esquecera a memoria das vítimas desde a asociación de Lugo e autor do libro “Polos fillos dos fillos” no acto interveu Xosé Manuel Sarille quen sorprendeu ao público ao afirmar que el mesmo se dirixira ao alcalde de Baralla para convencelo da necesidade que asistira ao acto, á homenaxe ás vítimas que el mesmo desprezara pouco antes.

Segundo confesou, o alcalde de Baralla negouse, non polas persoas asistentes senón, polo que comentou Sarille, pola posíbel repercusión nos medios de comunicación. Xosé Manuel Sarille defendeu que todas as forzas políticas tiñan que se unir nunha causa común pola xustiza e a memoria xa que partillaban nunhas institucións froito dun réxime democrático e representativo que moito lle debe a todas as persoas que perderon a vida na defensa da liberdade e a democracia. 

Unha lumbalxia impediu asistir a Federico Mayor Zaragoza mais non por iso deixou de estar presente mediante unha intervención telefónica na que defendeu a urxencia de recordar, criticando a quen afirma que non convén abrir feridas. Mandela foi tamén, nese sentido, exemplo que tomou Mayor Zaragoza no seu discurso. 

O poema “As tres mapoulas de Montecubeiro” na voz do seu autor Claudio Rodríguez Fer lembrou con emoción ás vítimas máis próximas, aos tres nomes que quedaron na pedra e na memoria da parroquia de Castroverde. Rodríguez Fer debullou na súa intervención o manifesto da Iniciativa pola Memoria no que se demanda xustiza, fin da impunidade, penalización da apoloxía do franquismo e derrogación da lei de amnistía. A música de Mercedes Peón pechou o acto, mais as cancións viñeron acompañadas tamén de memoria, coa reflexión de Hanna Arenth arredor da vanalidade do mal e a sospeita da posibilidade de que se estiveran conformando as bases dun novo totalitarismo, como a filósofa analiza na súa obra.

Comentarios