As cinzas de Luísa Viqueira volven do exilio

Despois de case oitenta anos de exilio, as cinzas de Luísa Viqueira regresan a Galiza O seu fillo, Manuel Rodríguez Viqueira cumpre este sábado os desexos da nai de estar soterrada ao pé de seu pai, Xohán Vicente Viqueira. 

Luisa Viqueira
photo_camera Luisa Viqueira

Luísa Viqueira Landa marchou para o exilio de México, despois fuxida que duraría tres anos, para se alonxar do réxime fascista que se impuxo despois do golpe militar de 1936 que ameazaba a súa vida. Comezaba así a súa outra vida, a que a ía ter alonxada do seu país até a súa morte. Só nunha ocasión, 43 anos despois da súa marcha, volvería a Galiza e pasaría un verán en Vixoi e Ouces, no territorio da súa infancia. Serían seis meses na terra que tanto amaba da que marcharía coa decisión de nunca máis volver. Só despois da morte. Foi ese o desexo que agora se cumpre, nunha homenaxe que se lle tributará no cemiterio de Ouces, despois dun acto público no adro da igrexa no que participarán Ana Miranda, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, o presidente da CRMH, Fernando Souto e o Republicano de Honra 2015, Nicolás Acosta. O seu fillo, Manuel Rodríguez Viqueira será o encargado de depositar as cinzas ao pé da tumba de Xohán Vicente Viqueira. 

“Trátase dunha figura imprescindíbel para o nacionalismo e o compromiso coa transformación social. Foi Secretaria do Consello de Galiza, traballou en Vieiros e daba clase para nenos en galego, demostrando tamén no exilio o seu forte compromiso nacionalista. Herdou unha cultura que amaba e transmitiu sen xenreira”, explica Ana Miranda, emocionada pola súa participación o sábado no acto dunha muller á que tanto admiraba. Do seu perfil persoal, Miranda destaca a xenerosidade, o compromiso militante, a honestidade e a súa condición de muller digna. “Con independencia da dor é quen de estar en pé até o fin dos seus días. Como di o seu fillo, con este acto complétase un ciclo, o da exiliada que tivo que marchar fuxindo e só agora volve á terra”, valora Ana Miranda ao tempo que reclama o recoñecemento da súa figura nas novas xeracións de galegos e galegas. 

A honra de homenaxeala

O presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Fernando Souto, evoca o muro que a Igrexa ergueu ao pé da tumba de Xoán Vicente Viqueira no cemiterio de Ouces, coa ides de afastar a súa memoria do resto da veciñanza, e que só na primeira corporación democrática foi derrubado. “Aí é onde ficarán os restos de Luísa Viqueira, derrubando un novo muro, desta volta non físico. Para o noso país é fundamental que retorne a cultura, a memoria e o legado de tantas persoas que tiveron que marchar como a familia Viqueira”, sinala Souto. 

A CRMHC é unha das entidades que organiza a homenaxe que terá lugar este sábado, 18 de abril, ás 12.00 horas xunto coa Fundación Viqueira, a Asociación “Suárez Picallo” de Sada e a Asociación Cultural “Eira Vella de Betanzos”. “Que sexan entidades privadas sen ningunha implicación das institucións non deixa de ser triste mais, para nós é unha gran honra recuperar as cinzas de Luísa Viqueira e renderlle a homenaxe que merece”, defende Fernando Souto que fala da de homenaxeada como unha biografía espectacular de compromiso e servizo aos demais, unha galeguista que mantivo a presenza do país nos seus 77 anos de exilio. A entidade nomeara a Luísa Viqueira en 2010 Republicana de Honra nun acto ao que a exiliada xa non podería asistir. 

Tres anos de Ouces a México

Luísa Viqueira Landa naceu na Praza de Pontevedra da Coruña en 1918 e viviu na Galiza até a morte do pai en 1924, data na que se traslada a Madrid aínda que regresa cada verán a súa terra de orixe. E foi no verán do 36 cando se teñen que agochar no pazo familiar ao se sentiren perseguidas, só uns meses serian antes de iniciar o seu primeiro exilio desde a Coruña canda súa nai Jacinta Landa e súa irmá Carme por medio dun navío militar inglés con destino Franza. Desde alí, dirixiríanse a Madrid onde as tres mulleres organizarían un centro de acollemento para nenos e nenas vítimas da guerra. Despois do 39, Luísa Viqueira residiría un tempo en Franza até que, despois dunha estadía en Rusia, consigue fuxir para México, destino definitivo do seu exilio e país. no que desenvolverá un importante labor político e cultural. Como resume o seu fillo Manuel Rodríguez nunha entrevista con Xoán Carlos Garrido para Terra e Tempo, a viaxe da súa nai de Ouces até México “dura desde xuño de 1936 até finais do 1939, dos seus 18 aos 21 anos”. 

É no país americano onde Luísa Viqueira desenvolve un importante activismo político, social e cultural do lado dos antifascistas alí exiliados. Primeiro no PC no que militou e logo no nacionalismo, no que participou na fundación de estruturas e na actividade desenvolvida con Galiza como cerne. 

Secretaría de redacción da Revista Vieiros, responsábel da emisión radial “La hora de Galicia” ou fundadora do Padroado de Galicia e da UPG en México, Luísa Viqueira nunca esqueceu unha Terra que sube agora un chanzo para recuperar a súa memoria. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios