A CIG reivindica a actualidade das loitas do 72, raíz do movemento obreiro galego

O monte do Castro en Vigo acollerá un monumento conmemorativo.
Detalle do traballo do escultor Xavier Diéguez Mosquera. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detalle do traballo do escultor Xavier Diéguez Mosquera. (Foto: Nós Diario)

A conmemoración do 50 aniversario das loitas de 1972 en Vigo arrancou onte no auditorio Afundación da cidade coa proxección da fita Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega, unha peza audiovisual promovida pola CIG que recolle os testemuños dunha ducia de persoas protagonistas das folgas e mobilizacións que forxaron "a historia contemporánea do movemento obreiro galego".

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, foi o encargado de presentar o acto inaugural de todos os chamados a reivindicar nos próximos días o legado do acontecido en setembro de 1972 na cidade olívica baixo o lema 'Somos clase, somos nación. A loita continúa'.

A iniciativa da central sindical polos 50 anos das loitas do 72 comezou na primavera en Ferrol. Agora ten continuidade en Vigo, onde busca asentar un recoñecemento social maioritario para a resistencia que demostrou entón a clase traballadora nun contexto de persecución e forte represión.

"As folgas, os asasinatos e a forte represión e persecución de marzo e setembro do 72 representan o nacemento do sindicalismo nacionalista e de clase que nós representamos, que foi medrando de forma constante e imparábel ao longo destes anos".

En declaracións a Nós Diario, Carril reivindica as loitas do 72 non como un recordo nostálxico senón como algo "vivo, presente, vixente e actual", sinónimo do compromiso e sacrificio de moitas persoas. "Para nós o 72 ten unha importancia que transcende todo o ámbito histórico nostálxico e convértese nun elemento de actualidade que moitos se empeñan en borrar".

As voces dos protagonistas

A CIG defende a necesidade de documentar, difundir e recoñecer a través do audiovisual pero tamén doutras actividades "a resistencia, coherencia e o profundo convencemento que a loita obreira e popular" demostraron no 72, especialmente "na autoorganización da clase traballadora e do pobo galego en instrumentos propios como mellor defensa dos nosos intereses".

O xermolo desa organización social exprésase no documental Setembro de 1972, un traballo que fai memoria das mobilizacións previas no ano 68, en marzo do 72 en Ferrol e da súa culminación en Vigo, nomeadamente entre o 9 e o 26 de setembro. E faino na voz de Xesús Chaves, Ramón González Costas, Xaquín López Facal, Xosé Luís Rodríguez Feixoo, Luísa Cuevas e Elvira Souto, entre outros; mais coa presenza de Agustín Malvido e Camilo Nogueira, presidente entón da Asociación Cultural de Vigo.

A fita repasa o contexto político, social, económico e industrial da Galiza no 72 e salienta "o enorme esforzo na construción do poder popular nun exercicio de afirmación propia do pobo galego, que a través da loita é capaz de demostrar que somos quen de valernos como clase traballadora galega", recalca Carril.

A estrea de onte foi a primeira parada antes da manifestación que percorrerá as rúas de Vigo o día 22 e da instalación no monte do Castro dun monumento conmemorativo tallado por Xavier Diéguez Mosquera.

Comentarios