‘O Chaquetón’ e ‘O Eirexalba’: vida e morte de dous verdugos fascistas

O 30 de agosto de 1938 eran agarrotados no cárcere de Lugo os militantes falanxistas Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón” e Manuel Castro Castro “O Eirexalba”, acusados do asasinato do dirixente dereitista sarriao Manuel Saco Rivera. Sería este crime un axuste de contas nos núcleos de poder franquista, o derradeiro cometido por esta parella de represores fascistas. Aproveitamos o 80 aniversario da súa execución para recuperar máis un capítulo da represión. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 314 de Sermos Galiza.

1º) Manuel Castro Castro “O Eirexalba”, o primeiro pola esquerda de pé, canda outros membros das escuadras fascistas de Sarria e O Incio.
photo_camera Manuel Castro Castro “O Eirexalba”, o primeiro pola esquerda de pé, canda outros membros das escuadras fascistas de Sarria e O Incio.

4Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón” e Manuel Castro Castro “O Eirexalba” foron parella de feito á hora de impor o terror nas terras de Sarria e da Ribeira Sacra. O primeiro, natural de Laiosa, no Incio, mestre, comerciante, concelleiro en Sarria e xefe local da Falanxe após a caída en desgraza en decembro de 1936 do grupo liderado por Mario González Zaera, exerceu como máximo responsábel da Escuadra Negra de Eirexalba nos momentos de máxima actividade represiva desde grupo paramilitar fascista. A participación deste grupo nalgúns dos crimes máis significados cometidos polos franquistas nesta zona están testadas nas propias causas militares, significándose entre outros o do médico do Incio Manuel Díaz González, o do dirixente libertario de Eirexalba Xesús Casás González ou do alcalde republicano de Monforte Rosendo Vila.

O nome Manuel Castro Castro “O Eirexalba” ou “O Rei” aínda mete medo nas comarcas de Sarria e da Ribeira Sacra. Afiliado á falanxe do Incio a comezos de 1936, actuou sempre como fiel brazo executor de “O Chaquetón”, chegando a ser premiada a súa lealdade co nomeamento en 1938 como policía local en Sarria. A executoria de “O Eirexalba”, canda a doutros matachíns que formaron na Escuadra Negra de Eirexalba, como Xaime González “O Bombas” ou “Xaime de Agroxoi”, Xosé Castro Castro “O Arturo”, Ramón González González, ou Manuel Rodríguez Castro, arrepía. Un fillo dunha vítima, Ramón Rodríguez Mourelos, escribía en 1938 que “Manuel Castro Castro leva asasinados nesta poboación e noutras da provincia noventa homes. El mesmo non o agocha. Dillo a todo o mundo e parece que ten interese en que o saiban os seus superiores”.

[Podes ler a peza íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]

Comentarios