Champán made in Galiza

Nos anos 20 do século pasado é frecuente atopar na prensa referencias á elaboración de cavas na Galiza que se confundirían co mesmísimo viño da Champagne. 

Champán Galicia

Vida Gallega sitúa á fronte de todos os intentos e todas as tentativas para a produción galega destes viños Manuel Costas, quen, por volta de 1905, comezou a madurar a idea. O primeiro ano rebentaron case todas as garrafas, mais conserváronse as suficientes para saber que o resultado non era moi diferente ao produto francés.

A partir de aí chegou iso denominado co galicismo “Cavas” do Val Miñor e o champaña Galicia tomou sona en toda América. As adegas de Costas son definidas pola prensa como “enormes, modernas, magníficas”  

Na exposición Internacional de San Remo, de 1921, o Champán Galicia recebeu Diploma de Honra e Medalla de Ouro, en competencia cos produtos franceses. O premio resulta normal para El Eco de Santiago que na edición de 27 de setembro de 1921 escribe: “Non nos estraña este novo triunfo que acaba de obter o Champán de Galicia, pois coñecemos ben os extraordinarios éxitos que vén logrando consecutivamente, un ano após outro, e cada vez con maior intensidade, quer nos mercados de España quer nos de América, en competencia coas marcas máis afamadas”.

Na exposición Internacional de San Remo, de 1921, o Champán Galicia recebeu Diploma de Honra e Medalla de Ouro

En 1924 as adegas comercializan espumosos tintos, mais cara a 1925 o cava deixou de se producir.

Tomou o relevo en Ourense Manuel Vázquez Gulías, arquitecto que, cando estudaba en París,  tomou amizade cun champañeiro que lle enviaba os fermentos desde Epernay (Reims) por barco a Vigo e logo continuaba por tren a Ourense. 

Na inauguración do tranvía A Coruña-Sada, o trinta e un de decembro de 1922, brindouse con Gran Champagne Gulías.


 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios