ORGANIZADO POLA CRMH

O centenario do Alzamento de Pascua irlandés, na Coruña

A cidade da Coruña fai parte da celebración do centenario do Levantamento de Pascua irlandés de 1916 – o Éirí Amach na Cásca- cunha xeira de actos organizados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica que culminará coa retransmisión da estrea mundial da serie documental 1916 The Irish Rebellion.

[Imaxe: Wikipedia] Ruínas en Dublín após o alzamento de Pascua
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Ruínas en Dublín após o alzamento de Pascua

A Coruña acolle os actos centrais da conmemoración do Alzamento de Pascua irlandés, en abril de 1916, que neste 2016 cumpre o centenario. Faino da man da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que resgata o fito histórico capitaneado polos nacionalistas Padrick Pearse e James Conolly.

Fernando Souto, presidente da CRMH da Coruña, cóntalle a Sermos Galiza que a iniciativa xurdiu en relación á proposta de Iñaki Bergaretxe. “Nace como nace todo na asociación, a partir da idea dun socio. A partir de aí, organizamos un grupo de traballo que perfilou as actividades”, sinala. “Hai pasados ausentes e pasados presentes. Hai episodios do pasado que periodicamente volven á actualidade, como o nazismo, a guerra civil española... son historias abertas, pero o Levantamento de Pascua que deu paso á proclamación da República Independente de Irlanda foi moi pouco divulgado malia ser a primeira gran revolución que ocorre en Europa no s. XX: o pobo sublévase fronte ao poder colonial británico”, explica.

Fernando Souto: "Logo do Alzamento chegou a represión brutal para eliminar de raíz todo factor nacionalista, mais a súa represión tivo unha reacción contraria: máis nacionalismo"

O presidente da asociación lembra que “antes de que este grupo de nacionalistas irlandeses se sublevase, a maioría do pobo irlandés era proclive aos británicos, era tolerante coa dominación. De feito, había 15.000 soldados irlandeses loitando coa tropa do imperio británico na primeira guerra mundial”. “E nese contexto, un grupo minoritario sublevouse e fixo a lectura da proclamación da independencia. Logo chegou a represión brutal para eliminar de raíz todo factor nacionalista, mais a súa represión tivo unha reacción contraria: máis nacionalismo. Así foi como nas seguintes citas electorais en Irlanda despuntaron os nacionalistas”, engade.

Fernando Souto cita Pilar García Negro, que tomará parte das actividades de conmemoración do centenario do alzamento de Pascua, para dar conta do “vínculo inmenso que houbo entre o Sinn Fein e as Irmandades da Fala”. O historiador Uxío-Breogán Diéguez, que tamén intervirá nos actos, alude ao vínculo entre a Galiza de finais do s.XIX con Irlanda citando o poema de Alfredo Brañas, Nós como eles, que concluía desta maneira: "¡Ergue, labrego! ¡Érguete e anda! ¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!"). Tamén Cabanillas, en Da terra asoballada lle dedica un poema a Irlanda un ano após do levantamento: “Validos treidores, a noite da Frouseira, a patria escravizaron, uns reises de Castela. Comestas polo tempo, xa afrouxan as cadeas... ¡irmáns asoballados, de xentes estranxeiras, ergámola bandeira azul e branca! ¡é ó pé da enseña da nazón galega, cantémolo dereito, a libertar a Terra!”.

Os actos de conmemoración

A conmemoración do alzamento que puxo as bases do actual Estado irlandés contará coa presenza de David Cooney, embaixador de Irlanda no Estado español, quen presentará o programa de actividades esta segunda feira, antes de teren lugar as recepcións institucionais no Concello da Coruña, na Deputación e no Reitorado.

Na xornada da terza feira, 8 de marzo, desenvolveranse as palestras de David Clark e Antonio R. De Toro, impulsores e investigadores do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin, ás 19.30h, na Fundación Abanca.

Na quinta feira, 10 de marzo terá lugar a presentación do monográfico da Revista Murguía dedicado ás Irmandades, acto no que participarán Pilar García Negro e Uxío-Breogán Diéguez, ás 19.30h, na Libraría Sisargas.

Xa na seguinte semana, na cuarta feira, 16 de marzo, lerase a proclamación da República diante do monumento a Curros ás 18.30h. Ás 20h no Hotel Riazor terá lugar a retransmisión da 1916 Gala Event.

Comentarios