Cen anos do diario 'Galicia'

O 25 de xullo de 1922 sae á rúa 'Galicia. Diario de Vigo', un xornal "democrático e galeguista, ao servizo de Galicia, sin depender de ningún credo político e absolutamente independente" en palabras de Paz Andrade. Usando novidosas fórmulas xornalísticas foi alvo da censura por parte da ditadura primoriberiana.
Dous exemplares do xornal 'Galicia', de 1924, con 'Cousas da vida', de Castelao. (Foto: Lameiro)
photo_camera Dous exemplares do xornal 'Galicia', de 1924, con 'Cousas da vida', de Castelao. (Foto: Lameiro)

Galicia foi un proxecto xestado con ilusión e atrancos. Foi editor Ernesto Cádiz Vargas, cónsul honorario de Chile na Coruña e representante do fertilizante Nitrato de Chile. Cada número constaba de seis planas, oito a partir de 1924, chegando a 16 en dous números especiais. O formato: 63x45 cms.

Dirixido por Paz Andrade, tivo a Manuel Lustres Rivas e Roberto Blanco Torres como redactores xefe, sendo Castelao o encarregado do deseño da cabeceira e demais títulos de sección, creando un tipo de letra que acabou identificándose como xenuinamente galega. Para Pepe Barro, deseñador de Nós Diario, o traballo de Castelao supuxo "dotar o xornal dunha forte identidade gráfica. Cunha actitude estética modernista, Castelao utilizara estas letras, tiradas dos linteis do Pórtico da Gloria, que apareceran xa na cabeceira de A Nosa Terra en 1917, na do suplemento Nós do El Noroeste (1918) e mesmo no logotipo da revista Nós (1920)".

O editorial fixo, a caricatura diaria e contar cun importante cadro de persoal fixo de colaboradores caracterizaron o xornal

Mais é co xornal Galicia, continúa Barro, que "a letra acada popularidade, alén dos círculos culturais galeguistas nos que se mantivera. O trinomio nome + letras + xornal vai levar á identificación da letra como galega e Galega é como a nomeamos actualmente".

Algunhas das características novidosas que o xornal Galicia incorporou á prensa editada na Galiza foron o editorial fixo, a caricatura diaria e contar cun importante cadro de persoal fixo de colaboradores entre os que podemos citar Lousada Diéguez, A. Vilar Ponte, R. Vilar Ponte, Vicente Risco, Xaime Quintanilla, Cabanillas, Manuel Antonio, Xosé Núñez Búa, Bouza-Brey, Rafael Dieste ou Roberto Blanco Torres, que foi xefe de redacción cando Lustres Rivas emigrou a Arxentina. Castelao publicou no xornal caricaturas, baixo o título de Cousas da Vida, que se fixeron inmensamente populares en toda a Galiza.

Os domingos publica un suplemento literario co título de Letras e Artes, no que colaborou boa parte da intelectualidade galega da época.
O xornal converteuse axiña nun modelo para a prensa da Galiza e as súas avanzadas características de deseño, xunto cunha orientación ideolóxica plural e sempre comprometida cos intereses galegos fixeron del en pouco tempo o terceiro xornal de Galiza cunha tiraxe de 12 000 exemplares.

A lingua

Galicia foi un xornal dirixido a un público alfabetizado en español e con pouca competencia no galego escrito, en contraste con A Nosa Terra, que na altura levaba xa uns anos de andaina. O uso do galego en Galicia é moi escaso e case anecdótico nos primeiros números e no que atinxe á información diaria.

O que si é diferente é a perspectiva coa que se olla o galego xa que, fronte aos outros medios da época, Galicia trata a nosa lingua e cultura sempre con dignidade. Todo muda radicalmente a partir de outubro de 1923 co suplemento Domingos literarios de Galicia onde colaboran algúns escritores novos e outros xa consagrados

Nada bon pode vir dos cuarteis

O 13 de setembro de 1923, tras un golpe de Estado, iniciouse a ditadura do Xeneral Primo de Rivera. O posicionamento do Galicia fronte á ditadura, que impuxo a censura previa, foi constante.  O editorial do día 14 dese mes indicaba claramente o que agardaban do novo rexime:  "No esperamos que la regeneración política de España pueda venir de los cuarteles" A partir de aí a cousa foi a pior.

Paz Andrade foi multado e enviado á cadea por un editorial

O gobernador militar de Pontevedra, Ángel Rodríguez del Barrio, publicou un artigo no xornal El Pueblo Gallego combatendo un proxecto que demandaba un ferrocarril de Vigo á fronteira francesa, defendendo que era preferíbel mellorar as comunicacións con Madrid. O artigo foi contestado por un editorial no Galicia e Valentín Paz Andrade foi multado e enviado á cadea por quince días. Os traballadores de artes gráficas de Vigo fixeron unha folga de solidariedade por un día no que ningún xornal saíu a rúa.

Cara ao final de 1925 o Goberno Civil de Pontevedra decretou a suspensión indefinida de Galicia. A orde foi revocada pola intercesión de Xosé Palacios Ramilo e Xosé Bermúdez Lapuente, conde de Castelo, fronte o Ministro da Gobernación. Galicia deixou de publicarse o 15 de setembro de 1926. Hoxe non conservamos ningunha colección completa.

Unha forte identidade gráfica de estética modernista creada por Castelao

Castelao deseñou as cabeceiras de todas as seccións do xornal, ademais de publicar caricaturas. O seu traballo supuxo dotar o xornal dunha forte identidade gráfica dentro da estética modernista, enlazada coa estética do Pórtico da Gloria, do que Castelao tomara a idea das letras. O famoso Nitrato de Chile, cunha imaxe icónica, foi o rei dos fertilizantes. A silueta negra dun xinete sobre o cabalo formou parte do imaxinario colectivo.

Xornal 'Galicia'.
Xornal 'Galicia'.

Comentarios