Levantamento popular o 25 de agosto de 1918

Cen anos da revolta da fame en Lugo

1918 ficou para sempre na memoria popular das e dos lugueses como o ano da fame. Malia as terríbeis consecuencias da epidemia gripal que se desenvolveu na cidade e no resto do mundo entre os meses de outubro, novembro e decembro e que remataría coa vida de non menos de trescentas persoas, a grave crise alimentaria derivada da carestía da vida e da falla de produtos básicos será o que se perpetúe durante décadas no imaxinario dos residentes da cidade.

Rúa Raiña. Lugo
photo_camera O gravado mostra a Rúa Raíña de Lugo por volta do tempo da revolta

A fame foi o detonante do estoupido social que abalou Lugo en agosto de 1918. A orientación da economía  do estado cara ás exportacións –medida que beneficiaba as oligarquías españolas, como consecuencia da demanda de alimentos das potencias europeas enfrontadas na Grande Guerra– desabasteceu os mercados locais de produtos básicos, aumentou o seu prezo e provocou unha grande vaga de fame. A revolta popular que chegou a continuación, homologábel ao acontecido noutras localidades galegas, respondía a un movemento máis de fondo, enmarcado na impugnación do réxime da I Restauración, na crise dun modelo económico que empobrecía a poboación pola vía da inflación e da perda de poder adquisitivo, na corrupción estrutural, articulada arredor dos oligarcas, os partidos da quenda e a monarquía, e no florecemento do problema nacional, do que Catalunya era punta de lanza. Ao tempo, o triunfo e as posibilidades políticas que abría a Revolución Soviética favoreceron o o desenvolvemento dun ciclo de protestas ao longo do planeta, que se alongarían en Galiza até o golpe de estado de Primo de Rivera.

Os primeiros síntomas do malestar social fixéronse evidentes na festa da patroa da cidade. O 15 de agosto, mentres marchaba a procesión polas rúas do centro, varias as mulleres que a seguían desde os balcóns e beirarrúas apuparon as autoridades presentes, non dubidando en tachalas de “canallas” ao tempo que lles berraban “Temos fame. Queremos xustiza”. Aínda non tiñan transcorrido quince días, estamos na tarde do sábado 25, máis de 2.500 persoas acoden a unha asemblea no Campo da Feira convocada polo Centro Obreiro, entidade orientada polos socialistas, de práctica moi reformista e que actuaba en connivencia cos liberais do concello, onde se acorda dirixirse en manifestación cara ao goberno civil para achegarlle as reivindicacións. As demandas populares serán asumidas polo gobernador civil diante da presión social, procedendo a prohibir a exportación fóra da cidade de patacas, trigo, centeo e carne de porco, fixando o tempo un prezo máximo para estes produtos. Porén, estas medidas chegaban tarde para unha poboación famenta, farta de falsas promesas e que xa tiña tomado a rúa.

O 25 de agosto comezan o asalto aos almacéns dirixidos polas mulleres. Ao longo da xornada, manifestacións encabezadas polas que ían ser as lideres da protesta —como “A Sarera” do barrio de San Pedro ou a “Molondra” e “Vicenta Pérez” do barrio da Ponte— inician a revolta asaltando o establecemento de Carro na Porta de San Pedro, seguindo por outro comercio deste mesmo propietario da rúa Armañá, continuando polo de Delgado, cuxo enreixado é arrancado ao negarse os donos a abrir e onde están a piques de ser linchados varios números da garda civil, seguen polo de Bal Carro na Ronda, cuxos cristais son apedrados, e polo de Barxa, na actual rúa Castelao, onde as portas son rebentadas e nos que igual cos anteriores, as mercadorías son repartidas entre os participantes. As ocupacións rematan co intento de asalto á fabrica de fariñas de Pujol, que algúns manifestantes pretenden queimar, e no asalto á xamoneira de Carro en San Pedro.

O 25 de agosto comezan o asalto aos almacéns dirixidos polas mulleres

A revolta só será derrotada pola vía represiva. Os primeiros enfrontamentos entre os manifestantes e as forzas da orde prodúcense na tarde do día 24 na toma do almacén de Delgado; porén, os combates máis duros comezan após da concentración diante do goberno civil. A acción dos piquetes esténdese por toda a cidade, ficando desbordados os membros da policía local e da Garda Civil que non dubidan en abrir lume contra os manifestantes ás once da noite na Praza Maior, caendo moitos feridos por arma de fogo e non producíndose ningunha morte de casualidade. Á unha da madrugada o gobernador ordena a saída do exército á rúa e proclámase a lei marcial, en vigor até o mes de outubro, que non dobrega as e os lucenses que responden cunha convocatoria de folga xeral que se alongará practicamente durante unha semana. As protestas deixaron segundo a prensa do momento vinte e tres feridos e máis de noventa detidos, sinalando El Progreso que máis da metade eran mulleres. Os sucesos de agosto de 1918 terían continuidade entre novembro e decembro; porén, esa é outra historia.

Comentarios