Cen anos da IV Asemblea Nazonalista de Monforte

Tivo lugar en febreiro de 1922 e a ela acudiron algúns dos máis grandes expoñentes do movemento nacionalista galego da época.
IV Asemblea Nacionalista de Monforte (Imaxe: Fundación Otero Pedraio)
photo_camera IV Asemblea Nacionalista de Monforte (Imaxe: Fundación Otero Pedraio)

Cen anos soñando o destino. Así versa o lema do Consello da Cultura Galega para conmemorar os 100 anos do decorrer da IV Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala en Monforte de Lemos. Tivo lugar entre o 18 e o 20 de febreiro de 1922 e nela, os asistentes debateron sobre infinidade de temas do que, naquela altura, era un incipiente movemento nacionalista galego.  Na Asemblea abordáronse cuestións cruciais: desde a organización definitiva das Irmandades até o plan de propaganda nacionalista, pasando polos estudos que se propuñan realizar desde as fileiras dos Amigos da Fala.

Naquelas mañás neboentas, propias da localidade lemava, nos chanzos do mosteiro de San Vicente, a poucos metros do pazo do Conde de Lemos, reuníronse os máis grandes expoñentes do nacionalismo galego da época. Alí estaban Castelao, Ánxel Casal, Antón Lousada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedraio, Manuel Antonio, Antón Vilar Ponte ou Roberto Blanco Torres entre outros. Chegaron en tren ás terras do río Cabe, á estación que, naquela época, era o nó ferroviario do país e que en 1883 inaugurara o monarca Alfonso XII ao tempo que lle outorgaba a Monforte o título de "cidade".

Con todo, a xuntanza evidenciou unha situación de tensión dentro do seo das Irmandades da Fala que eventualmente acabarían na escisión entre a tendencia liberal-progresista (liderada pola Irmandade da Coruña) e a máis conservadora, a cuxa fronte se achaba o grupo ourensán liderado por Vicente Risco e que levaría á creación da Irmandade Nazonalista Galega. A Asemblea Nazonalista de Monforte marcou, por tanto, todo un fito na historia do movemento galeguista e foi tamén decisiva no decorrer deste nuns anos de preguerra onde todo era posíbel, até a utopía.

A escolla de Monforte

Xesús Torres Regueiro, autor de numerosos traballos sobre historia local e da Galiza, explica nunha das súas obras o porqué de a Asemblea ter decorrido en Monforte: "A razón de celebrarse en Monforte esta asemblea parece que ten a ver co feito de ser daquela un importante nó ferroviario, algo que facilitaba o desprazamento desde moitos puntos da Galiza e a asistencia á mesma".

"A Irmandade local (creada o 15 de xuño de 1916, unha das primeiras pois) non atravesaba os mellores momentos, aínda que o notario Banet Fontenla, relevante persoeiro da vida local, podía facilitar a celebración da asemblea en Monforte. De feito, o Concello cedeu os seus salóns para a mesma e tamén o Casino local (de que Banet debía ser membro) cedeu o seu local para as conferencias que se impartiron", engade Torres Regueiro.

As actas da IV Asemblea Nazonalista foron analizadas tamén por Torres Regueiro e grazas a elas podemos imaxinar como foron aquelas tres xornadas de intenso debate. A Asemblea, segundo as propias actas, estaba presidida por un directorio conformado por catro persoas: Banet Fontenla, Farruco E. Balboa, Vicente Risco e Antón Vilar Ponte, sendo escollido Risco como o "Conselleiro Supremo".

Hoxe, fica a lembranza daqueles históricos días e fica tamén o testemuño dun dos asistentes, Manuel Antonio, que describía a súa experiencia nunha carta posterior á Asemblea dirixida ao seu curmán: "Os días d´o 18 ó 22 anduven por Monforte e Ourense: asistín á IV Asembreia Nazonalista que aconteceu n-a premeira d´as ditas cidades. Terra a Nosa!".

O CCG e o BNG conmemoran o centenario

O sábado día 19 o Consello da Cultura Galega levará a cabo un acto conmemorativo da IV Asemblea Nazonalista de Monforte de Lemos. Terá lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e, segundo indican, será "unha nova xuntanza de homenaxe e de estudo, na cal diversos historiadores se ocuparán da análise do movemento das Irmandades e en especial do acontecido na IV Asemblea, así como da centralidade proletaria do lugar de Lemos naquela Galiza de comezos de século. Unha xornada tamén festiva, aberta a toda a veciñanza e con participación da mocidade". "Porque é preciso poñer os pés nos chanzos de hai cen anos para seguir soñando", conclúen. Ademais do Consello da Cultura Galega tamén organizan o acto a Fundación Otero Pedraio e a Fundación Vicente Risco.

Pola súa parte, o BNG do sur de Lugo tamén organiza unha actividade o día 20 no mesmo lugar para homenaxear o decorrer da IV Asemblea Nazonalista. O acto dará comezo pola mañá e continuará até a hora do xantar. Consistirá dunha palestra sobre o propio centenario da Asemblea e dun coloquio acerca da militancia política nacionalista na ditadura. Entre algunhas das persoas que participarán encóntranse Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Lois Diéguez Vázquez, Xosé Manuel Rodríguez Martínez, Marisa Vázquez Barquero, Rosa Ana Prieto Florines e a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón.

Desde o BNG procuran honrar a memoria do acontecido en febreiro de 1922 e lembrar a vixencia das ideas que naquela Asemblea se referendaron. Sinalan a importancia do acontecemento e esperan afluencia, sobre todo da mocidade da comarca.

Comentarios