A causa 614-67. A UPG fronte ao TOP

En 1967 o Tribunal de Orde Pública responde cunha forte represión á ofensiva reivindicativa do nacionalismo. Un autocolante que reclama "Libertade para Galiza" inunda todo o territorio galego e, como contundente consecuencia persecución, tortura e un xuízo, un episodio da historia do nacionalismo que lembra Cilia Torna. 

Autocolante repartido por todo o territorio
photo_camera Autocolante repartido por todo o territorio

O 23, 24 e 25 de Decembro de 1967 Galiza vai vivir un despregue das forzas de orde público que deixara unha pegada por anos no noso País. A Coruña, Ferrol, Vigo, onde será rexistrada a sede da Agrupación Cultural, Lugo, Ourense, Monforte, Escairón, A Rúa do Petín, Viveiro ou Compostela  foron testemuñas da acción das represivas , que interrogaron, retiveron e nalgúns casos torturaron a homes e mulleres, vinculados ou non, coa militancia nacionalista A grande maioría destas persoas, serán de seguido postas en liberdade, outros pasarían semanas na cadea, para ser posteriormente liberados sen cargos, só catro deles, que foran detidos mentres realizaban o reparto, pasaron a disposición do Tribunal de Orde Pública (TOP). Non sería esta a primeira vez, nin tampouco a última, que as siglas da UPG se citaban no edificio de Salesas, posto que uns meses antes xa compareceran no mesmo, sobresaíndose a causa, algúns militantes deste partido.

"Interrogaron, retiveron e nalgúns casos torturaron a homes e mulleres, vinculados ou non, coa militancia nacionalista"

A reacción do aparello represivo foi a resposta á importante acción propagandística realizado na media noite  do 22 e 23 de Decembro por parte da UPG que distribuíu ao longo e ancho do País un rudimentario autocolante, elaborado sobre etiquetas que se utilizaban e utilizan para escribir o enderezo postal, no que cunha imprenta caseira, desas que se usan hoxe para os xogos infantís, estampouse o lema “Libertade pra Galicia”. A propaganda en cuestión, fora elaborada pola sección madrileña da UPG cuxa responsabilidade recaía en Bautista Álvarez, daquela o Partido organizábase en trepias, aproveitando as vacacións de Nadal para introducir o material en Galiza. Non é casual que a responsabilidade sobre a elaboración, traslado a Galiza e posterior distribución recaese no grupo madrileño da UPG, posto que naquela altura o groso da militancia da organización, e tamén a parte máis activa, concentrábase na capital da metrópole.

O último acto desta acción da UPG terá continuidade no procesamento de Antonio Bernardo, avogado de Vigo, Xoán Soto, estudante de Xornalismo, Domingo Ventosinos, estudante de Agrónomos, e Manuel Murado, estudante de Filosofía, no Tribunal de Orde Pública, sendo condenados todos eles a penas menores. A causa será presidida polo Maxistrado Mariscal de Gante, antigo voluntario da División Azul, posteriormente morto a mans de Euskadi Ta Askatasuna e que correrá tamén co procesamento dos dirixentes do 68 compostelán. A defensa dos nacionalistas recaerá en Vázquez Guillén, Gregorio Peces Barba e naquel toledano, militante da UPG, chamado Manolo Conde. Manolo Conde, figura senlleira da UPG madrileña, xerente da Editorial Santillana e principal promotor da primeira discográfica galega xunto a Natalia “Cuqui Escrigt, Edigsa Xistral, aínda que Licenciado en Dereito, nunca antes exercera a avogacía polo que se colexiaría para a ocasión. A defensa de Conde, para desgusto e temor dos procesados ao seu cargo e escándalo de Mariscal de Gante, aforrou en razoamentos xurídicos e centrou a súa intervención nunha crítica ao réxime franquista.

"Procesamento de Antonio Bernardo, avogado de Vigo, Xoán Soto, estudante de Xornalismo, Domingo Ventosinos, estudante de Agrónomos, e Manuel Murado, estudante de Filosofía, no Tribunal de Orde Pública"

O gravador Vicente “Tito” Vázquez Diéguez, na altura bancario e militante da UPG, a preguntas da defensa de como se saudaba normalmente a xente en Galiza  afirmou que “Viva Galiza Ceibe” versión que sería corroborada por Ben-Cho-Shey na súa quenda. Non ficou atrás, Xosé Soto “Pepiño da Gaita, posteriormente home de confianza de Tierno Galván, que ao ser requirido sobre a súa relixión afirmou que “Non profesaba ningunha” para engadir de seguido que a súa profesión era a de gaiteiro e rematar que en Galiza non hai separatistas senón cans centralistas. A Unión do Povo Galego, que pretendía facer do proceso un xuízo ao réxime, saíuse coa súa, destacando a intervención do Ben-Cho-Shey que con 70 anos e unha vida de represión as costas non dubidou en chantarse diante do Presidente do Tribunal cando este lle demandou silencio posto que “en esta sala non hai cabida para la propaganda separatista”. Lonxe de calar elevou a súa voz para afirmar a pé seguido que “en Galicia no hay separatistas, sino separadores y no le debe extrañar que en mi País se mire con desconfianza y tambien con odio todo lo que viene de Madrid, porque de Madrid llegaron los tributos, el expolio de la riqueza de nuestros monasterios, la persecución de nuestra lengua y si hoy non hay separatistas ustedes acabaran por convertir en esa clase de “galegos enteiros” a las nuevas generaciones gallegas”.

"A UPG, que pretendía facer do proceso un xuízo ao réxime, saíuse coa súa, destacando a intervención do Ben-Cho-Shey que con 70 anos non dubidou en chantarse diante do Presidente do Tribunal" 

A caída de 1967, xulgada na causa 614-67, provocará un efecto contraditorio no futuro inmediato do Partido. Se ben serviu para aumentar o prestixio do mesmo nos núcleos de oposición ao franquismo, e particularmente entre os vellos nacionalistas enfrontados a Galaxia ou os exiliados, chegarían comunicados de solidariedade de case toda a Galiza exiliada, tamén vai provocar un retraemento a hora de organizarse no mesmo, fundamentalmente entre as persoas mozas, posto que ficaba acreditado que opoñerse ao franquismo traía custes. Así e todo, hai que sinalar que este golpe represivo non tivo apenas efectos na estrutura da UPG, como ficaría probado na campaña desenvolvida en Xullo de 1968 para convocar, por primeira vez desde o inicio da ditadura, o Día da Patria Galega.

Comentarios