venres 03/12/21

Castrolandín puido ser o triplo de grande segundo se tira das investigacións do Incipit

Das escavacións realizadas polo instituto do CSIC tíranse uns achados dos que agora se estudan as razóns polas que se habitaron as ladeiras veciñas ao castro cando había espazo dentro da muralla para construír.
castrolandin
Panorámica de Castrolandín, no concello de Cuntis. (Foto: Nós Diario)

Segundo se desprende dos traballos de investigación que está a desenvolver o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), de acordo coa Deputación de Pontevedra, o castro de Castrolandín (Cuntis) puido ser tres veces máis extenso do que até o de agora se pensaba.

A comunicación desta conclusión fixérona a presidente da Deputación, Carmela Silva, e mais o director da escavación, Carlos Otero e mais o investigador e coordinador do proxecto, César Parcero.

Estes novos achados, froito do traballo no castro durante todo o ano, abren novas liñas de investigación para o Incipit. Partindo do convenio que o instituto, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ten coa Deputación pontevedresa, presentáronse esta segunda feira estas primeiras conclusións que introducen, para o equipo investigador, novos interrogantes arredor de por que estaban habitadas as ladeiras veciñas ao recinto amurallado, mentres había espazo libre para construír intramuros.

O feito de que as ladeiras de Castrolandín, empinadas, de difícil acceso e peor defendidas estivesen habitadas abre, explicou Carlos Otero, unha nova liña de investigación centrada en pescudar se este feito se debía “ao proceso de abandono do castro ou coas diferenzas sociais dentro da comunidade”.

As construcións escavadas sitúanse nun segundo recinto de cuxa escavación, explicou Otero, se extraeron importantes achados “como dúas vivendas das que unha, de seis metros de diámetro cunha lareira monumental no centro e considerada a meirande das documentadas no poboado até agora, foi escavada na súa totalidade”.

Ademais acháronse pezas, a maior parte fragmentos de cerámica, elementos para o traballo de tecidos, como pesas de tear e un fuso, e o remate dunha fíbula.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Xunto á escavación tamén se desenvolveu un estudo do castro e da súa contorna por teledetección a través de drons, combinando as tecnoloxías LIDAR e a fotografía multiespectral.

O coordinador do proxecto, César Parcero, resaltou que "despois de 20 anos de traballos no xacemento, demóstrase que se pode seguir a producir coñecemento, que poden aparecer sorpresas como esta. Agora as persoas visitantes poden recibir unha información diferente da que recibían até o momento".

Na mesma liña pronunciouse a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que afirmou que “temos un pasado moi relevante que debemos coidar e respectar porque se trata tamén dun elemento fundamental de desenvolvemento económico”.

Castrolandín puido ser o triplo de grande segundo se tira das investigacións do Incipit
comentarios