Arqueoloxía

Á procura dun castelo na serra do Galiñeiro

A próxima semana 'Castelos no Aire' e a Comunidade de Montes de Vincios organizarán unha nova prospección arqueolóxica que ten por obxectivo indagar nas orixes da fortaleza das Gallas.
Lugar no que se realizarán as prospeccións.
photo_camera Gallas do Galiñeiro, lugar no que se realizarán as prospeccións. (Foto: Castelos no Aire)

Da man do proxecto de investigación 'Castelos no Aire' e a Comunidade de Montes de Vincios, a próxima segunda feira, día 27, comezará na serra do Galiñeiro (Gondomar, na comarca de Vigo) unha nova campaña de escavación arqueolóxica, nun lugar no que hai medio século xa se realizaron prospeccións na procura das ruínas da fortaleza medieval das Gallas. Os traballos serán realizados por investigadoras do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela e en colaboración coa empresa 'Tempos Arqueólogos'.

O obxectivo, explica o director desta intervención, Mario Pereiro, é "coñecer máis" sobre ese asentamento fortificado que se conserva nas Gallas do Galiñeiro e cuxa data de construción e cronoloxía de ocupación aínda non se determinou con certeza, cuestión que agora centra os labores de investigación. Malia que xa foi escavado na década de 1970, "apenas se conservan datos sobre os resultados" daqueles traballos, afirma.

A intervención que agora encabezará Pereiro é, pois, froito de varios anos de traballo previo, cunha prospección superficial do xacemento, "procurando delimitalo e valorando a súa potencialidade", sinalan desde 'Castelos no Aire'. A campaña estenderase até a sexta feira 31 de marzo.

"O obxectivo deste ano é valorar a potencialidade do xacemento; unha vez coñecido isto, poderíanse valorar outras actuacións, como a consolidación das evidencias construtivas", comenta Mario Pereiro. Nesta nova campaña procederase á escavación parcial dun tramo da muralla e de dous edificios situados intramuros.

Ao igual que outras intervencións organizadas por 'Castelos no aire', lembran, esta campaña estará "aberta por escavación", facendo posíbel a calquera persoa achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.

A fortaleza do Galiñeiro, incide o investigador, "ten potencial de ter sido ocupada no período final da Alta Idade Media, de modo que sería contemporánea á fortaleza situada no cercano Faro de Budiño", fortificación esta última que xa fora investigada por este colectivo no ano 2018. Esta hipótese fundaméntase nas investigacións previas, mais precisan que "non é descartábel que fose ocupada noutros momentos do noso pasado".

'Castelos no aire' é un proxecto de investigación arqueolóxica centrado no estudo da Alta Idade Media —do século V ao X—, principalmente a través das súas fortificacións e castelos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios