A Xunta da Galiza homenaxea hoxe a Castelao en Bonaval

Castelao: “Ideoloxicamente eu non son máis que un patriota”

O Panteón de Galegos Ilustres acolle hoxe diversos actos en lembranza de Castelao con motivo do 146 aniversario do seu nacemento, o 30 xaneiro de 1884 en Rianxo. Un deles, estará protagonizado polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

castelao-aguirre
photo_camera Daniel Castelao canda o presidente vasco Aguirre partillando acto político no exilio arxentino.(Foto:Nós Diario).

Afirmaba Anxel Fole que Castelao “facía parte daquela pequena restra de galegos 100% da Galiza de antes de 1936”. O escritor lembraba como nas súas intervencións públicas definíase como un patriota  para afirmar, nun mitin celebrado en Lugo en 1932, “considérome galego quimicamente puro, infusíbel ao soprete e inatacábel polos ácidos”.

Xoán Carlos Garrido, no seu volume O pensamento de Castelao sinalou “cando Castelao quixo resumir o seu pensamento e definirse a si mesmo cunha soa palabra atopou que aquela que máis se lle axeitaba era a de patriota”.

O patriota

Nunha liña semellante, Manuel Rei escribiu como Castelao á hora de facer repaso ao contido do Sempre en Galiza “que recolle no esencial a razón de ser da súa vida”, afirmou: “ideoloxicamente eu non son máis que un patriota”.

O biógrafo de Castelao, Miguel Anxo Seixas, que ven de rematar de publicar a súa trioloxía imprescindíbel sobre a vida do rianxeiro, significa que “vai en liña recta desde o ano 14 en que toma consciencia de que hai que facer algo por Galiza. Houbo persoas que desertaron, que baixaron do galeguismo. El nunca claudicou”

A forma de enfrontar a morte e os seus meses finais son outra mostra inequívoca desa perseveranza no compromiso con Galiza que o levou a morrer no exilio arxentino após fuxir dunha morte certa á mans do franquismo.

Terra galega para Castelao

A doenza de Daniel Castelao marcou a vida da súa familia biolóxica e ideolóxica a partir de 1949. Mentres algúns nacionalistas tentaron xestionar dos responsábeis políticos da ditadura, como Filgueira Valverde, unha autorización que permitise a Castelao regresar a morrer na Galiza, outros remitían terra galega a través do membro da Irmandade Perfecto López, naquela altura de visita a Galiza, para depositala no cadaleito de Castelao

Rodolfo Prada Chamocín, dirixente do Partido Galeguista en Bos Aires no período republicano e persoa de máxima confianza de Castelao na súa etapa Arxentina, nunha carta dirixida a Ramón Otero Pedraio lembrou este momento. “O bo de Perfecto López chegou tres días antes da morte e fíxonos entrega da santa terra que, mans de irmáns, espallaron sobre o seu corpo envolto coa bandeira da patria. Solemne, emocionante e inesquecíbel escena”.

O nove de xaneiro de 1950 enterraron a Daniel Castelao no cemiterio de Chacarita. Após ser velado por miles de compatriotas nos salóns do Centro Galego, os seus restos mortais foron conducidos ao cemiterio de Bos Aires, onde se celebrou, en palabras de Rodolfo Prada, “unha das máis altas expresións da galeguidade na historia da Arxentina”.

“Cando a terra te poida recibir dignamente”

Alonso Ríos, na súa condición de secretario do Consello da Galiza sinalou que “prometémosche Castelao que cando a terra te poida recibir dignamente, cando os galegos poidamos proclamar libremente os altos ideais que ti nos ensínache, daquela, e só daquela, teremos de levarte a descansar ao seo da patria galega, tal como foron os teus desexos”.

O proceso de ocultación e manipulación da figura de Castelao foi contemporáneo a súa morte. A este respecto, é ben significativa a circular remitida pola Dirección Xeral de Prensa da ditadura franquista aos medios de comunicación onde indicaban o tratamento que debían dar á nova da morte de Castelao.

A resolución, asinada en 8 de xaneiro de 1950, afirma que “falecido en Bos Aires o político republicano e separatista Afonso Rodríguez Castelao, advírtese o seguinte: A nova da súa morte darase nas páxinas interiores e a unha columna. Eloxiaranse as súas características de humorista, escritor e caricaturista, destacando a súa personalidade política sempre e cando se mencione que aquela foi errada e que se agarda a misericordia de Deus e o perdón dos seus pecados”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios