O Casón, unha traxedia en tres actos

Sobe o pano. O cinco de decembro de 1987, un cargueiro de bandeira panameña embarranca fronte ás costas de Fisterra, provocando a morte de 23 dos seus 31 tripulantes, todos eles de nacionalidade chinesa. A embarcación, cargada con 1.100 toneladas, entre eles 5.000 bidóns de produtos químicos altamente inflamábeis e tóxicos, comeza a arder na tarde do dez decembro, diante da mirada de boa parte da poboación galega que seguía o suceso pola TVG

Barricada en Gutiriz. (1)
photo_camera Os antidisturbios cargan en Guitiriz contra as veciñas e os veciños que se opuñan á descarga dos bidóns do Casón

A continuación, entre a noite dese mesmo día e a xornada seguinte, procédese a evacuar os veciños de Fisterra, Corcubión e Cee, unha vez que o delegado do goberno, Domíngo García Sabell anunciase nos medios públicos que a zona se enfrontaba a unha nube tóxica, nova que desmentirá ás poucas horas. As mensaxes contraditorias, a experiencia da veciñanza da comarca e as propias imaxes dos medios públicos, non fixeron máis que xerar un clima de desconfianza na sociedade galega.

Continúa a traxedia. Uns 225 bidóns de diversos produtos, desembarcados do navío antes do seu incendio e que se amoreaban no porto de Bréns, son deslocados de Cee diante da sensibilizacións das xentes da Costa da Morte, acordado o seu traslado ao antigo cuartel de Parga, unhas infraestruturas propiedade do estado no concello chairego de Guitiriz. A resposta dos veciños da comarca, ao tempo moi mobilizados polo conflito laboral que se vivía en SIDEGASA, é de rotunda oposición á recepción da carga tóxica, opoñéndose á descarga duns bidóns que viñan protexidos pola garda civil. As estradas son bloqueadas polos tractores, a mobilidade do convoi vese impedido polas barricadas, a veciñanza botase á rúa, vivíndose momentos de grande tensión coas forzas de seguridade do estado, acordando finalmente as autoridades desviar os bidóns a outro ben de titularidade estatal, a factoría de Alumina-Aluminio (hoxe Alcoa) en San Cibrao, na altura propiedade do INI.

Os principais interrogantes que seguiron á xestión do embarrancamento do Casón continúan sen se esclarecer trinta anos após dos sucesos, manténdose, ao tempo, a negativa do goberno central a facer xustiza cos dirixentes sindicais despedidos da factoría de Alumina-Aluminio

Remata a función. A caravana tóxica, após percorrer máis de 250 kilometros, chega á factoría mariñá arredor das nove da mañá do doce de decembro, após unha viaxe cargada de tensión. As estradas da comarca foron tomadas polos troncos, os neumáticos ou obxectos de obras que encheron as estradas da zona de barricadas, mentres as forzas da orde e dos antidisturbios procedían contra a poboación que se negaba a acoller a carga. O comité de empresa da alumineira, auténtico motor do movemento obreiro na comarca, acorda co director da factoría que os bidóns no entren no centro de traballo, os traballadores trancan as entradas de acceso e convócase unha folga que remata co despedimento de 135 traballadores, sendo readmitidos posteriormente 111, nun Nadal negro para as xentes da Mariña. Consumábase así o despedimento definitivo da totalidade dos membros do comité de empresa, así como de Xermán Rouco, empregado dunha auxiliar, e secretario comarcal da INTG, autentico motor da protesta.

As secuelas continúan e as dubidas seguen aí. As consecuencias destes sucesos serán particularmente duras para os membros do comité de empresa de Alumina-Aluminio, que non só perderían o seu posto de traballo senón que atoparían grandes dificultades para encontrar novos empregos na comarca e que sofreron a persecución noutros centros de traballo. Ao tempo descoñécese con exactitude o contido exacto da carga, os motivos que levaron a pasealos polo país e non proceder ao seu embarque en Brens cara outros puntos, os efectos dos mesmo na saúde das e dos veciños da Costa da Morte e no seu ecosistema marítimo ou as razóns das declaracións contraditorias entre os responsábeis públicos. Após trinta anos do embarranque do Casón, as principais interrogantes seguen sen aclarar e sen intención por parte dos podres públicos de fornecer información.

Comentarios