"LOBOS SUCIOS"

Casaio, a historia real que inspirou o cinema

O documentario 'Lobos Sucios' narrou en 2007 a historia de Miguel Cardeñas Lozano, un guerrilleiro antifascista andaluz que traballou nas minas de wolfram de Casaio como prisioneiro político.

Minas de Casaio
photo_camera Minas de Casaio

O wolfram usábase para a produción dos filamentos usados nas bombillas mais tamén para endurecer o aceiro co que se fabrican as armas. Eis a razón pola que os nazis se interesaron no marco da II Guerra Mundial nestas minas. 

"Era un dos pagamentos que tiña que facer o réxime español pola participación dos nazis na guerra española", conta o escritor e xornalista Manuel Rivas, unha das voces do documentario Lobos Sucios, inspiración do filme que leva o mesmo nome. O relato cinematográfico dirixido por Felipe Rodríguez Lameiro, mestura a historia mineira da aldea de Soutadoiro (Valdeorras) coa da represión política e a resistencia antifascista da posguerra. 

As minas de Casaio

Así, entrelaza a figura de Tomás Terrón Mendaña, mestre de Casaio e xerente da empresa Cachafeiro, concesionaria da mina de wolfram de Casaio, coa de Miguel Cardeñas Lozano, un dos 461 presos políticos que foron obrigados a traballar nesa mina propiedade do consorcio hispano-alemán SOFINDUS, unha entidade fundada en 1938 polas administracións fascistas española e nazi. 

As minas pertencían a Minas de Galicia e ao consorcio hispano-alemán SOFINDUS, fundado en 1938

Cardeñas Lozano foi un dos corpos atopados na primeira exhumación dunha foxa común que se levou a cabo na Galiza. Através da Asociación para a recuperación da memoria histórica do Bierzo e do seu vice-presidente, Santiago Macías, a súa familia puido saber que fora do seu paí após saír preso de Jaén e, sobre todo, como rematara a súa vida. 

O rexistro da mina permitiu localizar a súa familia e a esta recuperar os restos do guerrilleiro antifascista que fora fusilado tempo despois da súa chegada á mina contra marzo de 1943. Segundo relata no propio documentario o investigador e doutor en Filosofía, Isidro García Tato, os presos políticos procedían na súa maioría de Andalucía, Extremadura, Madrid e Asturies. Tiñan unha condea entre 12 e 30 anos de cárcere e comezaran a chegar á mina por volta da segunda quincena de novembro de 1942. 

En Casaio obrigaron a traballar a 461 presos políticos desde 1942 a 1945 de entre eles Miguel Cardeñas conseguiu fuxir para se unir á guerrilla

O guerrilleiro antifascista

Porén, Miguel Cardeñas non foi fusilado como preso político senón como maqui. Fuxiu do destacamento militar ao que chegara a Soutadoiro e uníuse á guerrilla, explica Santiago Macías, desde o verán de 1944 até o outono de 1949. Pertenceu ao destacamento de Girón, Manuel Girón Bazán, un cazador e xornaleiro do Bierzo que dirixiu a resistencia nos montes da contorna durante 15 anos, desde xullo de 1936 até maio de 1951. 

Cardeñas fixo parte do destacamento do berciano Manuel Girón quen liderou a resistencia nos montes da contorna desde 1939 a 1951

A "terra", di Manuel Rivas, é "o mellor libro de Galiza" pois garda a súa historia. "A terra fala, con todos os sentidos" mais "é necesario escoitar a terra". Desa terra sacaron os restos de Miguel Cardeñas. Fora fusilado pola propia guerrilla, no outono de 1949, supostamente, por querer abandonar a loita armada ao iniciar unha relación cunha muller da vila de Soutadoiro coa que tería tido unha crianza. As persoas que integraron a resistencia eran "lobos", conta un veciño de Casaio, "andaban de noite". Os riscos aos que podía someter a guerrilla se Cardeñas era detido e sometido a interrogatorio foron os que motivaron a decisión de rematar coa súa vida, nun camiño da propia aldea. 

Girón continuaría coa guerrilla até o ano '51 no que foi delatado e asasinado por un Garda Civil infiltrado.

As súas historias, xunto con outras, inspiraron o filme Lobos Sucios que recupera o título do documentario de Rodríguez Lameiras. 
 

LOBOS SUCIOS (Dirty Wolves) from Felipe Rodríguez Lameiro on Vimeo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios