1812: aparece o primeiro texto xornalístico en galego

Screen Shot 2018-01-05 at 10.57.09

Na Galiza o xornalismo inaugurárase con El Catón Compostelano en 1800, se ben o seu auténtico nacemento se debe situar durante a guerra contra o francés. El sensato, 1811, é considerado o primeiro semanario e na Gazeta Marcial y Política de Santiago aparece o primeiro texto en galego.

A Gazeta, editada baixo a responsabilidade do impresor Manuel Antonio Rey e do seu director Juan Bautista Caamiña, xorde en febreiro de 1812 e chega a 1813. É no seu segundo número, 5 de febreiro, a primeira vez que consta que o galego fose empregado nunha publicación periódica.

O artigo fundacional da prensa en galego titúlase Carta recomendada e está asinado por Ramón González Senra. É un texto de propaganda política que gaba as vantaxes das reformas liberais e defende a idea da soberanía popular fronte ao poder absoluto do monarca.

O texto ocupa da páxina 5 á 9, incluídas ambas. Son 5 páxinas sobre 12. Isto é, o 41% desde número está escrito en galego.

Mais de 200 anos despois ningún periódico dos que a diario se editan na Galiza, todos eles en español con algún texto en galego, acada ningún día do ano esa porcentaxe a pesar das avultadas axudas públicas a determinadas cabeceiras que tamén acaparan a publicidade institucional.

Lástima!

Texto aparecido orixinalmente no Sermos231.

Comentarios