A 'carretera de Imo', en Dodro, pasa a chamarse Moncho Reboiras

O pleno aproba unha proposta do BNG á que só se opuxo o PP alegando que o nacionalista "non é a figura máis axeitada" para homenaxear nas rúas do municipio.
Votación da iniciativa para mudar o nome da estrada de Imo en Dodro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Votación da iniciativa para mudar o nome dunha rúa de Imo, en Dodro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Concello de Dodro desta quinta feira, 9 de xuño, aprobou unha iniciativa do BNG, coa única oposición do PP, para dedicar unha rúa de Imo a Moncho Reboiras.

Imo é o lugar natal do dirixente nacionalista galego Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado pola policía da ditadura franquista o 12 de agosto de 1975.

A proposta defendeuna o voceiro do BNG en Dodro, Xoán Bautista Mariño Abuín, que reprochou a oposición do PP: "Fai pensar que seguen adorando o franquismo", apuntou.

"A nosa historia non é un cómic que se estuda nos centros de ensino. É o sentir do pobo, do pobo galego, polo que loitou Reboiras", enfatizou o concelleiro nacionalista, que pediu tamén que este recoñecemento "sirva para concienciar as novas xeracións".

Desde a súa morte, xustificou Mariño, "recibe todos os anos distintas homenaxes e actos políticos por parte de nacionalistas e movementos sindicais galegos no camposanto, na aldea e na rúa da Terra (Ferrol), onde o asasinaron". "O seu asasinato tronza moi cedo a traxectoria vital por ser un militante nacionalista galego dirixente da UPG, hoxe integrada no Bloque Nacionalista Galego", subliñou o edil.

"Oxalá sirva este humilde recoñecemento para concienciar ás futuras xeracións. Que se sigan facendo preguntas sobre quen foi o seu veciño asasinado. Para que nunca máis! volvamos a sufrir o fascismo", engadiu.

O PP non o considera "transcendente"

Pola súa parte, desde o Partido Popular esgrimiron que "non é a figura máis axeitada" para homenaxear nunha rúa de Imo. "Nin a súa morte nin a súa traxectoria tiveron transcendencia para a nosa veciñanza, e [dada] a súa vinculación con loita armada, suporía traspasar unha liña que nunca debemos traspasar", xustificaron os populares.

A estas palabras retrucaron desde o grupo municipal do BNG: "E se fora seu irmán o asasinado en lugar de Moncho Reboiras? Ao PP a democracia só lle serve para colocarse e para usala no seu beneficio".

A iniciativa, con todo, saíu adiante cos votos favorábeis de PSdeG (3), Unidade Veciñal (2) e BNG (1), mentres os tres concelleiros do PP votaron en contra.

Asistiron ao pleno familiares de Reboiras como Lita Martínez, curmá de Moncho, e outros veciños e veciñas do municipio. Tamén asistiron os membros da Executiva do BNG Bieito Lobeira, Lucía LópezRubén Cela e mais o secretario de organización da UPG, Manel Casal.

Comentarios