41 aniversario dos sucesos

Carballo homenaxea a loita en defensa de Baldaio

O 8 de maio de 1977, domingo de feira, unha manifestación percorreu Carballo. A veciñanza esixía a devolución da marisma de Baldaio. Unha empresa levaba máis de 30 anos extraendo ilegalmente area baixo a aparencia dunha concesión marisqueira. Naquela protesta o carismático Moncho Valcarce figurou en primeira liña. O Concello de Carballo e a Irmandade que leva o nome do crego das Encrobas lembran hoxe os feitos.  
 

baldaio
photo_camera Manifestación en defensa da marisma de Baldaio, en maio de 1977.

“Queremos lembrar os homes e mulleres que loitaron pola recuperación dun dos espazos naturais máis importantes de Galiza. Ao tempo, renderemos homenaxe ao Cura das Encrobas”, indican os organizadores da xornada que se celebrará esta terza feira, ás oito do serán, na Biblioteca Rego da Balsa.

A peza teatral Sen previo aviso, polo cadro de teatro do Coro Cántigas da Terra con dirección de Moncho Iglesias e interpretación de Xurxo Baña, abrirá os actos. Despois proxectarase o documental Area nos ollos (2007), de Iván Seoane e guión de María Rama, sobre a loita en defensa de Baldaio. Unha mesa redonda pechará o día e nela participarán diversos protagonistas daquela histórica mobilización, entre eles o actual alcalde de Carballo, Evencio Ferrero (BNG).

Comentarios