A canteira de Paredes, novo espazo para recuperar a memoria

Na canteira de Paredes, desde onde se divisa a Illa de San Simón con toda a súa historia, será o próximo domingo 16 de marzo o espazo escollido para o primeiro acto colectivo da Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa para a primeira homenaxe ás vítimas do concello. 

Vilaboa
photo_camera Vilaboa

A asociación A Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa promove a primeira homenaxe ás vítimas da represión franquista do concello o próximo domingo 16 de marzo ás 18.30 na canteira de Paredes cun acto no que intervirán Tareixa Carro, Pepe Álvarez Castro, Luís Bará e Xosé Mª Álvarez Cáccamo coa intervención musical do grupo de pandeireteiras Adonairare

Creado recentemente, A Regaduxa ten como obxectivo a recuperación da memoria histórica de Vilaboa, en especial, dos nomes das vítimas, as formas de violencia e os espazos da memoria da represión que se produciu despois do golpe militar de 1936. No acto do domingo, leranse os nomes das persoas da localidade que foron represaliadas. 

Entre San Simón e Figueirido

A Regaduxa está a recompilar a memoria oral a través das distintas parroquias do Concello e documentar as tipoloxías da represión e nomes das vítimas. A memoria local constrúese coas historias de persoas que foron asasinadas, encarceradas, padeceron represión física, psicolóxica ou económica ou tiveron que se exiliar da súa terra. 

Arredor de Vilaboa instaláronse centros de represión durante o franquismo como foron o campo de concentración de San Simón ou o cuartel de Figueirido ademais doutros espazos como o Peirao de Santa Cristina, as curvas da Regaduxa, Portas ou a Revolta da Tiroida, dos que están a documentar a súa historia. 

Nos seus obxectivos atópase organizar actos por parroquias sobre a represión en cada unha delas ou sobre temas próximos como a historia da Illa de San Simón ou o cuartel de Figueirido e erguer un monumento como memorial democrático e homenaxe á memoria das persoas asasinadas e perseguidas polo franquismo. 

Comentarios