De cando na Coruña se declarou o Estado de Guerra

Foi por un bando do Capitán Xeneral Lachambre. E por orde do ministro da Guerra Xeneral Weyler. E non foi por ningunha invasión inglesa, francesa ou portuguesa. Foi no contexto da primeira Restauración Borbónica, un período de grande mobilización social na Galiza, de perda de poder adquisitivo por parte dos asalariados, de incremento de prezos que xerou unha crise ben perceptíbel na Coruña a partir do remate da Guerra de Cuba e da perda de movemento portuario e de exportacións.

Estado de guerra
photo_camera Capa de El Correo Gallego

Foi por un bando do Capitán Xeneral Lachambre. E por orde do ministro da Guerra Xeneral Weyler. E non foi por ningunha invasión inglesa, francesa ou portuguesa. Foi no contexto da primeira Restauración Borbónica, un período de grande mobilización social na Galiza, de perda de poder adquisitivo por parte dos asalariados, de incremento de prezos que xerou unha crise ben perceptíbel na Coruña a partir do remate da Guerra de Cuba e da perda de movemento portuario e de exportacións.

Despois do éxito extraordinario da Xunta de Defensa logrando paralizar o proxecto de traslado da capitanía da Coruña para León, de novo, en maio de 1901, tivo lugar unha grande mobilización social que supuxo o que algúns consideran a primeira greve xeral na Galiza e que se saldou cun mínimo de 8 mortos, a maior parte operarios, tiroteados pola garda civil ao amparo do estado de sitio.

Como sucedeu outras veces, os sucesos pasaron e os mortos esqueceron. Hoxe só un memorial de pedra no cemiterio de Santo Amaro, levantado en 1906, lembra aqueles acontecementos.

Quizá unha das crónicas máis extensas do acontecido é a ofrecida por El Correo Gallego de 4 de xuño de 1901, ao reproducir a información dun colega da capital e ante o mutismo, segundo se lamenta o propio periódico,  que sobre os feitos fai a prensa local, sometida a censura militar.

O primeiro que fai o periódico é constatar a forza e organización do movemento obreiro. “Hai tempo que a poboación obreira da Coruña  ... vén organizándose seria e perseverantemente. Non é un traballo de zapa. É un traballo público”.

Daí que cando os traballadores da empresa de consumos se puxeron en folga, a solidariedade obreira chegou con toda a organización que este movemento tiña. A empresa xogou a desmobilizar: quixo traer traballadores de Andalucía, pensando así fechar a porta ás pretensións operarias mais “identificada toda a poboación traballadora cos grevistas”, o que era unha reivindicación parcial se converteu en xeral. A 30 de maio a situación explotou e, como di a prensa, “a explosión correspondeu coa cantidade de explosivo acumulado”. 

Aínda que a versión oficial e a dos grevistas difere na presentación o resultado foi o mesmo: o choque entre a Garda Civil e os manifestantes. O paro acordado foi total. Suspendéronse os traballos en todas as fábricas e obradores a non ser a fábrica de gas e luz eléctrica. Todas as operarias da fábrica de tabacos  - numerosísimas, di a prensa- participaron na greve. O mesmo aconteceu no téxtil. Toda a clase obreira da Coruña tomou parte no movemento, incluídos moitos traballadores particulares. Todos os comercios fecharon portas e escaparates. Todas as obras quedaron paralizadas.

A greve dos porteadores deixou o cárcere sen auga. Nas fontes instaláronse piquetes. Até que se declarou, a golpe de tambores e trompetas, o estado de sitio e os militares asumiron o control. Tal como nos lembra Antón Capelán no seu libro Da violencia que non condenan:  O centenario da folga xeral de maio na Coruña: “A lei de Orde pública do ano 1870 contemplaba que, ao cabo de dúas horas de declarado o estado de guerra, os grupos de manifestantes serían disoltos a todo trance co emprego da forza, pero na Coruña, a 31 de maio de 1901, a represión contra os traballadores que regresaron do cemiterio iniciouse no momento mesmo da fixación do bando do Capitán Xeneral. Os episodios tráxicos deron comezo onda o obelisco de Linares Rivas ao redor das cinco e media da tarde e duraron até as seis. A fixación e proclamación do bando do Capitán Xeneral declarando o partido xudicial da Coruña en estado de guerra correu a cargo de forzas de infantería, ás que daban escolta un escadrón de cabalaría e unha sección montada da Garda Civil, que xa comezara a cargar contra a xente en Rego de Auga. Cando as tropas de infantería estaban á altura da sociedade Sporting Club na Rúa Real, o toque de trompeta fixo que se desprazasen cara a ese lugar numerosos folguistas que permaneceran na Rúa Alta, San Andrés e Cordelería despois do enterro. Algúns nenos comezaron a dar berros contra a Garda Civil e a lanzar varias pedras, ao que responderon cunha carga co sabre. Ao corneta da sección da Garda Civil disparóuselle casualmente o máuser e a bala de rebote feriu levemente un capitán de Carabineiros que se achaba alí como mero espectador. Este disparo provocou enorme tensión entre os manifestantes, coñecedores dos sucesos do día anterior na rúa de Cabaleiros, e dalgúns que estaban na Rúa Nova partiron tiros de revólver. Foi entón cando a Garda Civil a cabalo comezou a dispersar a poboación abrindo fogo cos seus máuseres polas rúas Real, Rúa Nova, Olmos, Fonte de San Andrés..., mentres a infantería seguía por outras zonas da cidade dando a coñecer o bando do Capitán Xeneral” . 

Coluna no cemiterio de Santo Amaro

A Garda Civil a cabalo ás ordes do tenente Pedro Vázquez cargou sobre os grupos e as consecuencias foron 6 persoas mortas e máis de 30 feridas. Mesmo persoas que estaban nas galerías das súas casas como foi o caso das que vivían no número 66 da rúa de San Andrés ou no número 9 da mesma rúa, onde moraba o fotografo José Sellier e que, perante os berros da criada, acudiu en auxilio dunha señora de 42 anos que habitaba o andar superior e a quen bala maüsser atravesou a cabeza. 

As persoas detidas foron máis de 100. Algunhas por participaren en folgas habidas 15 anos atrás. Aínda así as protestas na Coruña continuaron e estendéronse a outras localidades.

Dous días despois da Coruña, e a pesar das “presentes circunstancias” en que o ministro da Guerra tiña ordenado aplicar con todo rigor aos folguistas as disposicións do código militar, os gardas de consumo de Lugo celebran reunión e propoñen declarárense en folga se non se lles concede un real de aumento nos salarios e dúas horas menos de traballo ao tempo que reclaman que non se poida despedir ningún traballador sen antes abrir o oportuno expediente. 

Poucos anos despois será o movemento agrario o que se levante, tamén e nunha parte importante por cuestión da voracidade recaudatoria do Estado, e aporte tamén os seus mortos. Veremos iso noutro día.

Foto interior: Coluna partida no cemiterio de Santo Amaro lembrando os mortos

Comentarios