Campo de Laudas para lembrar os republicanos de Cerdedo

Este mes fíxose realidade en Cerdedo o proxecto Campo de Laudas, inaugurando a primeira lápida na honra de Xosé Otero Espasandín, escritor e intelectual republicano. Pero virán máis...

campodaslaudas
photo_camera Inauguración da primeira lápida do Campo das Laudas, dedicada a Xosé Otero Espasandín, o 10 de decembro pasado.

Calros Solla, un dos promotores do proxecto como parte do colectivo Capitán Gosende, cóntanos as orixes do proxecto: "Todo xurde porque Cerdedo caracterízase polo despoboamento e polo esquecemento. O concello incumpría a Lei de Memoria Histórica ao ter unha rúa con nome dun franquista e, pola contra, non había nada que recordase aos que loitaron polo bando republicano. Así que, co gallo da publicación do libro 'Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e república en Cerdedo', decidimos que o diñeiro das vendas se dedicarían a financiar o campo". 

O propio Solla puxo a disposición , ademais dos recadado pola venda do seu libro,  unha leira da súa propia familia para levar adiante o proxecto. Hai dous meses que saíu do prelo o ensaio, e cos primeiros ingresos, xa se encargou o deseño da primeira lauda, dedicada á memoria de Xosé Otero, "un mestre e poeta republicano que tivo que fuxir no 39, padeceu cativerio nun campo de refuxiados do sur de Francia, sufriu un bombardeo nazi en Londres, e logo estivo exiliado en Bos Aires e Estados Unidos, onde faleceu nos anos 80 en Washington". 

lauda

"O concello incumpría a Lei de Memoria Histórica ao ter unha rúa con nome dun franquista e, pola contra, non había nada que recordase aos que loitaron polo bando republicano"

Os seguintes homenaxeados

Segundo Calros Solla, xa están definidos os vindeiros protagonistas das laudas. Serán Antonio Sueiro Cadavide, alcalde de Cerdedo na República; Francisco Varela Garrido; fusilado no 37; Xosé Torres Paz, presidente do PSOE local, asasinado no 36; e Francisco Varela Buela, mestre republicano condenado a cadea perpetua. 

"Cerdedo foi un dos concellos máis significados do movemento agrario"

Cerdedo agrarista

O libro 'Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e república en Cerdedo' (Edicións Morgante), do propio Solla, forma parte da colección Cerdedo in the Voyager que explora a historia local. Segundo o seu autor, decidiuse a escribilo porque "non se podía explicar o acontecido no 36 se antes non se explica o agrarismo, e Cerdedo foi un dos concellos máis significados do movemento agrario". 

"O caciquismo estaba fondamente enraizado e aos labregos non lles quedou outra que asociarse. A primeira sociedade fundouse no 1902 e a finais dos anos 10 xa estaban varias federadas, e grazas a iso conseguiuse desbancar do poder aos caciques", defende. "Tivemos un alcalde agrarista e logo un republicano, polo que había un pouso de resistencia e de activación social, creáronse moitas escolas, etc."

Máis en MEMORIA E HISTORIA